Dez anos despois da súa morte, a Casa da Cultura acolle 80 pezas do artista
28 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Algunhas obras miden máis de dous metros. Son pezas de gran porte, que impresionan ao visitante coas súas cores vivas e trazos fortes. «É unha exposición xigantesca», di Francisco Fernández Rivas, máis coñecido en Sada por Farruco. El é o director da Casa Museo Rivas, un templo dedicado á memoria e á arte do seu desaparecido irmán, Eduardo Fernández Rivas. O lugar onde se atopan reunidos moitos dos cadros que o tamén exiptólogo Fernández Rivas fixo desde Sada e nas súas viaxes polo mundo é a casa natal, que Farruco converteu no museo. Desde hai un ano, o espazo está aberto aos visitantes e, desde este mes de marzo e ata abril, a Casa da Cultura de Sada acolle unha mostra dedicada a este artista irrepetible de fama internacional.
As 80 pezas, escollidas con coidado por Farruco, estarán na Casa da Cultura sadense dous meses. «Todos os pobos do planeta fanse importantes polo pasado que teñen e polas persoas que naceron neles e fixeron cousas que non fixeron outros. Un bo político, un bo loitador, un bo artista, un bo escultor… Todas esas son riquezas que teñen os pobos e as cidades», reivindica Farruco sobre o legado de Eduardo Fernández Rivas, que faleceu no 2016.
«O obxectivo é dar a coñecer esta obra xigantesca ao gran público. Que toda a xente poida acceder e ter unha representación deste artista único», di Farruco. As pezas expostas na Casa da Cultura son en realidade copias en lenzo de distintas medidas. «De feito —engade Farruco— non vendemos orixinais. A Casa Museo non tería sentido. Teñen prezos, ademais, inalcanzables, e tampouco queremos mover as obras polo risco de deterioro. As orixinais estarán sempre aquí», sostén Farruco, que avanza que traballa en máis exposicións itinerantes por Galicia.