Pan de broa

| SANDRA FAGINAS |

SADA

04 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

XUNTO CO de mariñeiro, un dos oficios máis duros é o de panadeiro. Erguerse de noite, repartir e vender de día, durmir pola tarde e volta a empezar, así tódolos días do ano. «O pan e o peixe debían ser máis caros», é unha frase recorrente daqueles quen defenden estas dúas profesións. Non obstante, hai quen proxecta toda unha mítica ó redor da panadería. Xermolo do primario, do sensual, do pracer carnal. A literatura e o cine teñen contribuído a potenciar esta imaxe erótica. Dende o arrecendo gorentoso do pan enfornado, o vaivén da amasadela, a visión do corpo rebozado en fariña, ata o gusto final do pan esfarelándose na boca. A mítica do pan engloba tódolos sentidos. En Galicia temos a sorte de contar con moitos tipos de pans diferentes. Cantidade e calidade. Un deles é o denominado pan de broa , é dicir, o pan de millo. En realidade, o nome correcto é boroa. A forma broa , como se coñece popularmente, é resultado dunha síncope fonética, moi habitual na fala. Así, ó igual que broa, en moitos casos pronúnciase pra (non para ), ou vran (non verán ). A broa ou boroa galegas teñen o seu equivalente castelán no substantivo borona, que tamén sincopou na fala, dando como resultado brona. Xa que logo, broa e boroa son formas galegas, e brona e borona, formas castelás. Haberá quen lembre aquela anécdota na que un paisano sadense, facendo un xogo de palabras, explicáballe a Carmen Polo de Franco como comer as sardiñas «así, ca-brona, ca-brona». falar.ben@lavoz.es