Adeus a Loli de Mera

Iria Taibo

OLEIROS

A enfermidade non impediu que se sumara á candidatura do BNG de Oleiros nas pasadas eleccións

23 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Con enorme pesar comunicamos que esta semana faleceu a nosa compañeira Dolores Loureiro Iglesias. Coñecida por moita da nosa militancia coma Loli de Mera, localidade oleirense onde era moi prezada e na que rexentou durante anos un local de hostalaría moi popular, o bar Canide, xunto ao seu marido.

Militante incansábel de enorme calidade humana, nin o avance da enfermidade impediu que se sumase á candidatura nacionalista nas recentes eleccións municipais en Oleiros, sempre activa nunha asemblea local onde deixa unha fonda pegada. Loli foi unha máis das moitas patriotas que, dende o traballo en organizacións como Esquerda Galega, fixeron do BNG a casa común do nacionalismo galego.

O seu corpo foi velado no tanatorio do Tarabelo de Sada e este xoves en Maianca tivo lugar a súa despedida antes da cremación dos seus restos. Adherímonos á dor da súa familia, amizades e militancia máis achegada neste adeus a Loli, boa e xenerosa.

Iria Taibo foi n.º 2 na lista do BNG de Oleiros o 28M