A RAG homenaxea a Picadillo polo seu 150.º aniversario

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

RAG

A Academia sobe a Galiciana co gallo do Día do Libro a copia dixital do mecanoscrito de El rancho de la tropa, unha das obras dun pioneiro da literatura gastronómica en Galicia, nado o 23 de abril de 1874

22 abr 2024 . Actualizado a las 10:19 h.

A Real Academia Galega decidiu recoñecer o traballo do Manuel Puga y Parga, alcumado Picadillo, un dos grandes gastrónomos e divulgadores da cociña galega. O 23 de abril en 1874 era bautizado na igrexa compostelá de San Fiz de Solovio e cadrando co Día do Libro e o 150.º aniversario do seu nacemento, o Arquivo da Real Academia Galega publica en Galiciana en copia dixital o mecanoscrito dun dos seus libros, El rancho de la tropa, saído do prelo en 1909. A obra, que contén unha serie de receitas para un menú destinado ao sustento da milicia. «O seu xeito de escribir gañoulle unha notable popularidade, acrecentada tamén pola súa actitude transixente como alcalde da Coruña durante a folga revolucionaria de agosto de 1917», precisan dende a RAG, que precisa que morreu na Coruña aos 44 anos de idade, por mor da pandemia de gripe de 1918.

Manuel Puga y Parga naceu no seo dunha familia acomodada. O seu pai, Luciano María Puga Blanco, avogado de Curros Enríquez no axuizamento pola publicación de Aires da miña terra, era tamén catedrático da Universidade de Santiago, cidade da que tamén foi rexedor. Picadillo licenciouse en Dereito e traballou na Dirección Xeral de Rexistros e Notariado durante o goberno de Cánovas del Castillo, posto ao que renunciou tras a morte do político conservador nun atentado. De volta en Galicia exerceu como xuíz municipal en Arteixo e comezou a publicar artigos sobre temas costumistas e gastronómicos nos xornais coruñeses. Iniciaba así unha exitosa carreira como escritor que deixaría media ducia de volumes relacionados coa cociña, apuntan dende a Academia galega.

A literatura culinaria de Picadillo amosa unha clara preferencia polos pratos e sabores populares, e a vontade do autor de exceder os límites do simple receitario. No seu libro Pote aldeano -que a Academia posúe como parte da Biblioteca Emilia Pardo Bazán- Picadillo executa unha novela de costumes de gran valor etnográfico, no que o xantar forma parte dos itinerarios do autor pola Galicia de primeiros de século XX. Descríbense alí os ritos e menús do entroido, os casamentos, as romarías, as supersticións e as festas patronais e mesmo a preparación dunha caldeirada nunha embarcación cos mariñeiros que saíran faenar:

La cocina práctica (1913), o seu libro máis coñecido, recolle os artigos que fora publicando nas páxinas de El Noroeste e El Orzán. O volume, que gozou dun éxito inmediato e foi reimpreso en numerosas ocasións, conta cun limiar de Emilia Pardo Bazán. A autora describe a escola culinaria de Picadillo asegurando que «la cocina de Picadillo es clásica, tradicional; no á la antigua española, á la marinedina añeja; platos del tiempo de mi niñez, familiares; sabores amigos». A obra está inzada dos habituais retrincos humorísticos de Picadillo, ás veces na introdución dos pratos, precisan desde la RAG, e destacan que o autor inseriu tamén en La cocina práctica partes en galego versificadas, como un poema de quen sería máis adiante presidente da Academia, Eladio Rodríguez, titulado «Papas de arroz»: «Mércanse dous netos / de leite de vaca; / métense de súpeto, sin mais riquilorios, / dentro d'unha cazóla vidrada; / chéganse ond'o lume; / bótanselle encima catro culleradas / de arroz de primeira; / pónselle unha codia de limón, cortada, / e cando s'atopa / todo xunto en amor e compaña, / fánsell'o pucheiro / unhos mimos de lume e de brasas. Ou estoutro asinado baixo o pseudónimo Cochifrito: —Dime tí, Miña Marica, / ¿cómo se fai este guiso? /  —Pra facelo, miña xoya, / pouca cousa che é preciso. / Media tarteira / de leite / de vaca, / con ovos / batidos / y anacos de pan; / botádelle / azucre / con pasas e figos, / almendras / tostadas / y-un pouco / de sal».