Fernández Mouriño: «Temos o compromiso de que Carral conte cunha residencia de maiores»

D. vázquez CARRAL / LA VOZ

CARRAL

José Luis Fernández Mouriño no exterior da Casa do Concello.
José Luis Fernández Mouriño no exterior da Casa do Concello. MARCOS MÍGUEZ

Prevé activar 8 millóns en investimentos no concello nun ano

07 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

José Luis Fernández Mouriño (Herves-Carral, 1961) superou os 100 días como alcalde de Carral, a onde chegou tras unha polémica moción de censura, apoiado por dous concelleiros non adscritos, que estiveran no executivo local de Alternativa dos Veciños (AV). Este industrial do sector primario cre que a súa xestión borrará o inicio accidentado.

—García Seoane, presidente de AV, segue referíndose a vostede coma golpista.

—Non me parece mal. Todo o que veña de Gelo, benefíciame. Dime de que presumes e direiche do que careces.

—Que ambiente se respira no Concello?

—O que se plasmou no pleno da moción de censura non ten nada que ver coa realidade. Por suposto que hai persoas íntimas, amigas de Javier [Gestal] e outras con certos intereses creados ou políticos que quixeron apoialo. Gelo fai esas cousas sempre e mobilizou a medio Oleiros. Quixeron facer teatro aquí. Os amigos de Javier din que o botamos fóra, pero eu diría que non é normal que alguén que teña maioría absoluta vexa marchar aos seus concelleiros como lle sucedeu. Iso significa que non lidera ben. Eu convideinos a facer unha moción de confianza porque tiña o Concello totalmente paralizado.

—E cal é o seu balance nestes primeiros cen días?

—A miña prioridade, como veño dicindo, é o plan xeral. Retomámolo inmediatamente, chamamos ao equipo redactor. Hai que comunicar as alegacións aos veciños e agardar polos informes sectoriais que non se actualizaron neste tempo, tanto o de Augas como resolver as discrepancias entre Patrimonio e Carreteras polos inmobles ao pé da N-550. Cando estea listo, aprobarase inicialmente e trasladarase á Xunta.

—De que prazos fala?

—Dependemos doutras Administracións, poden ser tanto tres meses coma seis. Non o sabemos, a nosa pretensión é que se aprobe provisionalmente este ano 2026.

—E que máis fixeron?

—Temos un convenio con Emalcsa para augas e saneamento e unha depuradora que nalgúns momentos non dá os parámetros que debe dar, e prodúcense desbordamentos coas riadas. En 2019 xa estabamos intentando solucionar ese problema. Agora temos o compromiso da Xunta de pagar o proxecto e iniciar a contratación. Ademais, nós, no seu día, tiñamos comprometidos 350.000 euros de Política Social para facer un centro de maiores no Víctor Velasco, pero agora está cedido a unha empresa.

—E cal é a alternativa?

—Política Social vai facer unha rede de residencias para maiores nos concellos de entre 5.000 e 20.000 habitantes que encaixaría perfectamente. A proposta sería facela preto do centro de saúde, a casa da cultura e as instalacións deportivas.

—Cantas prazas e para cando?

—É un proxecto tipo, creo que son para 20 prazas. Para isto hai financiamento para este ano. Aínda non está decidido onde van, pero temos o compromiso de que unha sexa en Carral.

—Canto pode crecer Carral?

—Agora ten 7.000 habitantes e pensamos que imos chegar aos 8.000 en catro anos. A Sareb contratou un mediador para desfacerse dos solares que están a medio construír. Agora mesmo hai 114 pisos por un lado e cincuenta e pico polo outro, e xa están case todos vendidos. Os que se están empadroando son xente de entre 30 e 40 anos e van traer nenos. A capacidade da Galiña Azul é suficiente, pero temos que pensar na ampliación. E no Vicente Otero están previstos máis de 800.000 euros nos orzamentos da Xunta deste ano para a súa ampliación.

—Vai ser cidade dormitorio?

—Non, de feito non está sendo. Hai moitos pais cos nenos no parque. Estratexicamente está moi ben situado. Leva menos tempo chegar dende Carral a Linares Rivas que dende Santa Cruz, Bastiagueiro ou Cambre.

—AV tiña pensado deixar de pagar os gastos do centro de saúde.

—Hai máis de 30 municipios nos que os centros de saúde son do Concello. Son cartos que se trasladan á Fegamp. O noso é deficitario en 4.000 ou 5.000 euros e se cadra hai que buscar outras alternativas para a calefacción. Falamos con Sanidade, porque está saturado en canto a espazo, non en canto a médicos, xa que temos ratios moi boas. Non podemos ampliar ao redor e o conselleiro di que vaiamos buscando unha finca para facer un novo.

—Como está financeiramente o Concello.

—Non hai débeda. Hai un remanente de 800.000 euros sen gastar. Habíao porque non tiñan proxectos. Eu nun ano vou conseguir enfocar 8 millóns de euros de investimentos. Imos poñer en valor as beirarrúas no núcleo de Carral, unha pista de baile e unha pista multideportiva para San Vicente de Vigo e refixemos o proxecto do polideportivo de Tabeaio,que quedaba deserto e que vai agora aos 400.000 euros. Precisamos saneamento en Veira, parte de Cañás e Sumio, que iremos facendo por fases. Tamén as bancadas do campo de fútbol, porque hai 400 fichas e os pais non teñen onde resgardarse.