«Tempo fósil»

Pilar Pallarés
Pilar Pallarés FIRMA INVITADA

CAMBRE

Nuria Cancela

10 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde anos atrás xa o sabían os humanos, pois todos os pobos tecen algún relato sobre a fin, con auga ou lume, cun ceo que bota a tremer antes de se derrubar. Mais eles, os outros habitantes, non: a avelaíña aínda cega dentro do casulo, o fatoeiro, a roseira brava cabo da pedra sobrante de alicerzar a casa, na que senta o pai para ollar o val: o muro do pazo-pardiñeiro, a igrexa de Sigrás ao lonxe e, se vira a cabeza, o Pai Xalo. Paxariñas, A Rañoa, A Agrallán.

 Como inxenua protesta contra a desaparición, agora que a paisaxe desmembrada e o entullo da casa berran e xacen no cadaleito inmenso do terraplén, ela escribe. Valerán de algo as palabras cando está en perigo o mundo? Xa vedes que a luz deste novembro semella por veces a dun abril incauto, que as árbores abrochan cando non toca, que o planeta enteiro anda desvariado. O libro dela comeza sendo un furar na terra para beixar os ósos dos animais da casa na horta-camposanto e os do pai ao pé do monstro, xunto á pequena igrexa románica, mais logo se enche do balbordo de voces dos que foxen da guerra cara a Europa, das caveiras dos corenta e tres escolantes de Ayotzinapa e de bechos miúdos a sobreviviren entre a depredación.

A sorpresa, despois, é descubrir como persoas alleas a todo o que fixo agromar ese Tempo fósil se recoñecen nel. Porque todos temos perdas: un lugar que se nos extraviou, un val baixo moreas de terra e sangue ou campás a badalear nas augas dun encoro.

 E aínda máis sorprendentes, nun pobo que adoita infravalorarse ou disimular o orgullo para non molestar, os tan numerosos parabéns por un Premio Nacional de Poesía -estatal, que tamén as palabras serven para distorsionar e mentir- de veciños, antigos compañeiros de aulas, vellos coñecidos e coñecidas que sempre se comunicaron noutra lingua, familiares, exalumnos, doutores que miran pola súa saúde... Agradecen a catarse das palabras e o reflexo no espello, mais sobre todo que a poesía galega sexa visíbel por uns días, dentro e fóra. Presumen un pouco de país.

E eu, que son ela e aínda tento escoitar as voces baixo a enorme bota de xigante que sepultou o soño dos pais, agradezo. E continúo a teimar.