Confesor Go

CAMBRE

27 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O cura de Buño, que digo eu de Buño porque ten alí a base, pero leva nove parroquias, é un dos poucos da zona, e de Galicia, que manexa o que se chama Confesor Go, unha aplicación que permite localizar un sacerdote a todo aquel que se queira confesar e lle urxa moito. Máis aló da curiosidade, este sistema ten pouco efecto. A el só o chamaron unha vez, un home que viña da Coruña e parou alí. O de Zas (dez parroquias: parece que os que máis teñen aínda buscan máis traballo) tamén se pode atopar por este sistema, pero a realidade é que non se usa nada ou case nunca. A idea non está mal, pero a cousa vai por outros lados. O de Buño é ben máis fácil de localizar se un mira a súa axenda de misas no seu Facebook ou no seu blog, que parece unha táboa de Excel: a tal hora en Cambre; a esta en Barizo; a estoutra, en Cores... E todo así. Hai fregueses que lle din que lle apunte as misas na súa axenda electrónica, que xa llas mirará o seu neto na casa no móbil e non ten perda. Aprende, Google, isto si é xeolocalización parroquial da boa. Non debería contalo, pero creo que algún veciño de lugares que non lle corresponden tamén lle suxire que engada esas. Claro, iso non o pode facer. Pero seguramente o futuro vén por aí: datos electrónicos, centralización. O outro día, eu mesmo lle ía escribir no meu caderno un dato ao cura de Cabaleiros, e vai el e apuntou directamente na súa axenda dixital. Algúns van moito por diante, o tema é que agora a xente tamén vaia. A min ata me parece unha revolución escoitar as campás electrónicas repenicando, para ter que afacerme a isto. Os seus saberes está agora na nube, e moitos aínda seguimos na Terra.