Heidelberg

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

CAMBRE

16 jun 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Óscar Loureda, galego de Cecebre, catedrático de Filoloxía Hispánica e director do Centro de Estudos Galegos desta Universidade, vive na mesma casa onde morou Robert Schumann, na arteria principal que atravesa a vila. Con el e con Irene Romero, lectora de galego, viaxamos por un dos grandes centros académicos de Europa, pequeno en extensión (apenas 140.000 habitantes) pero intenso en valor cualitativo, memoria histórica e coñecemento. Impresiona que na praza da Academia, ao carón do vello edificio da Universidade, a pouco máis de corenta pasos entre un e outro, o visitante pise o lugar onde Martín Lutero defendeu en 1518 as súas 95 teses contra o pontificado de Roma e o lugar onde, en maio de 1933, as mocidades nazis levantaron a gran fogueira dos libros contra a liberdade de expresión e pensamento. A defensa de Lutero era a reivindicación das liberdades do individuo e os principios da modernidade A cacharela nazi, o símbolo da intolerancia, o sectarismo e a barbarie.

Heidelberg, a universidade máis antiga de Alemaña, é un dos lugares con máis alta concentración de coñecemento e valor engadido intelectual do mundo, o que contrasta cunhas dimensións case que domésticas. A vila á beira do Neckar percórrese nunha mañá, pero as doce facultades que albergan o seu programa académico representan unha oferta económica e cultural de primeirísima significación, con arredor de 20.200 empregos directos e indirectos, principalmente nas especialidades de química, informática, medicina, astrofísica, investigación xenética e proxectos interdisciplinares para todo o mundo. Por cadrar catro cifras: sobre un orzamento anual de aproximadamente 600 millóns de euros, o impacto económico que a universidade achega ao seu contorno máis próximo non baixa de 1.800 millóns (a cifra primeira multiplicada por tres).

Once premios Nobel foron profesores nestas aulas; 55 alumnos mereceron a mesma distinción. Hegel, Habermas, Karl Jaspers, Max Weber... exerceron docencia en Heidelberg. Chamoume a atención un feito simbólico de especial relevancia. Todos os días, ás 12 horas, coincidindo coa pausa do almorzo, profesores e curiosos se reúnen na igrexa de San Pedro, no corazón da cidade, para asistir a unha breve actuación académica, apenas 30 minutos, na que un profesor expón publicamente e con carácter divulgativo algún aspecto da liña de investigación na que está a traballar, sexa de carácter técnico ou de carácter humanístico. O acto é diario, de luns a venres, a desenvólvese no segundo semestre do curso (o semestre de verán): homenaxe a quen foi o primeiro reitor da universidade en 1386, Marsilius von Inghen, soterrado na devandita igrexa, de elegante factura gótica. Oitocentos anos despois, os seus colegas seguen a estimar o seu labor: información permanente que a institución académica lle debe á sociedade e, ao mesmo tempo, recoñecemento que a sociedade expresa formalmente diante da súa primeira institución. O 18 do próximo mes de xullo tócalle ao noso amigo Loureda, que falará de marcadores lingüísticos.