Sentaba ata hai ben pouco a carón da fiestra para ver pasar a vida. Ás veces, as poucas que a cabeza aínda lle carburaba como debía ser, era quen de lembrar aquela rúa con vida. Os meniños xogando. Os maiores falando. Os carriños correndo costa abaixo para ir á Praza de Abastos. Os homes botando a partida. Ela tiña ansia de vivir, unha recua de cativos na casa, moito traballo, os pés inchados, a bata de traballo e o cabelo louro sempre ben atado. Á vez que empezou a virarlle prata á altura das tempas, a rúa empezou a rachar. Esgazou aos poucos. Levoulle tempo. Tampouco había présa. E a rúa foi rompendo. Como unha tea que se gasta polo uso e vai abrindo engorde. Unha rachadela neste recuncho. Un roto pola banda de arriba. Unha fenda que a atravesa de lado a lado. Non había quen a remendara. Os máis novos foran marchando. Os máis vellos metéronse nas casas. A auga empezou a abrollar polas crebaduras cando chovía. Levantaron as lousas. Era un xogo moi entretido. Aprender ben o crebacabezas da beirarrúa. Repasar mentalmente ese campo de minas. E volver da escola esquivándoas. Ou poñer as botas de auga. Prepararse para a guerra. Saír do portal chimpando nelas. A lama, ás veces, chegaba ata a cadeira. Moi divertido. Ata que un día caeu a primeira.
Foi na porta da farmacia. Andara un cacho á parola. Pensaba que non, pero ía xa algo maior. Baixou con coidado aquel banzo. Pero calculou mal. Non viu o burato que os anos de abandono foran furando. Meteu o pé. Quedoulle trabado. E os fociños acabaron contra o asfalto. Mancouse, pero tampouco foi para tanto. Detrás foron outros e outras. Ninguéns para os que ninguén miraba. E a rúa seguía quebrando. Xa tiña netos, algúns casados, cando unha mañá chegaron os obreiros. Tradearon. Fixeron un ruído infernal. Traballaban só polas mañás. Botaron un mes, e algo máis -ai, filla, xa non sei, esta cabeciña miña...- e os veciños estaban emocionados. Por fin. Por fin alguén mira por todos nós.
Levantaron a beirarrúa toda. Colocaron lousas rosas. E bordos ben afiados. Algún deixou a roda. Os máis aprenderon a evitalos. Nas caixas do correo amoreaban as cartas dos candidatos. Ai, que xa acaban esta. Que agora empezarán coa do outro lado. Pero nunca máis os viron. Perderan as eleccións e xa non había nin interese, nin tampouco cartos. E aí quedaron. Tirados. Facéndose vellos. Emigrando. Levantaron dúas veces a rúa de abaixo nese tempo. Mentres a súa seguía sendo un campo de minas esnaquizado. Ninguén miraba por ela. Ninguén pedía un arranxo. Pasaron alcaldes, pasaron concelleiros e pasaron mandatos. E aí segue a beirarrúa. Toda chea de buratos. Esta é a historia dunha vida. A historia dun anaquiño dun barrio. É a historia dunha beirarrúa. Que segue, esfuracada, na rúa Betanzos.