«Cando che explican a ELA, afúndeste»

Toni Silva BERGONDO / LA VOZ

BERGONDO

cesar delgado

Este entrañable home da política local recibe unha cálida homenaxe dos seus veciños. Di que non reprimirá as emocións

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Lolo Parga (Bergondo, 1946) non escolleu ao azar os nomes dos seus fillos. Todos foron significados con referencias de valores e heroicidade. Héctor, o defensor de Troia; Guillermo (finado aos 18 anos) polo famoso Tell da ballesta, e Diana, pola aguerrida deusa romana. Lolo Parga, quen fora concelleiro «de esquerdas» en Bergondo tres mandatos, cumpre hoxe 71 anos. E medio municipio leva argallando para esta noite unha homenaxe a este home que converteu o nome de Lolo noutro exemplo de heroicidade. Ou acaso non é un heroe o que segue a traballar polo ben común cando sufre un inferno no seu corpo? Nesas anda Lolo, pensando no mellor urbanismo para os veciños mentres a ELA, ou unha doenza similar, coloniza as súas extremidades.

-Porque aínda hoxe non se sabe se é ELA, non si?

-Pode ser… ou non. Todo comezou cun golpe no xeonllo esquerdo. As molestias non me pasaban e seguía coxeando. Falo do ano 2002. Unhas análises desvelaron que tiña unha encima disparada, se debía estar por 100 eu a tiña a 1.800. É un marcador de destrución de masa muscular. Así que ingresei e co tempo me dixeron «posible ELA». Fun a varios neurólogos, imaxina. Cando che explican o que é a ELA quedas tocado, afúndeste, porque a esperanza de vida é de tres anos, perdes capacidade de falar, de tragar… pero es consciente diso todo o tempo. Ate o propio neurólogo Julio Pardo, a referencia en Galicia nos temas de ELA, ten dúbidas de que o fose. Di que teño unha mutación nun xene que ás veces está relacionado coa ELA familiar, pero é a primeira vez que se atopa. Eles teñen acceso ás bases de datos de todo o mundo e non hai ningún caso coma a meu. Conclusión: non se pode dicir que teña ELA pero tampouco que non a teña. Ou algo semellante, non sei.

-Logo é un ser extraordinario dende un punto de vista xenético, pero tamén dende un punto de vista social, de aí a homenaxe.

-Dixéronmo os compañeiros do grupo de Anova cando xa tiñan feitas as tarxetas. Non me avisaran porque igual pensaban que me podía negar, e agora con todo feito xa non podo [sorrí].

-Porque fixo moitos amigos na política.

-Si, moitos.

-E inimigos?

-A ver, nos primeiros tempos, algún esporádico, pero en xeral ben, a xente respecta a miña posición aínda que non a comparta. Ademais eu non son de discutir moito. Sempre procuro ser coherente entre o que digo e o que fago.

-Hai unha desvalorización da calidade e o compromiso dos concelleiros na política actual?

-Home, en xeral, en todos os eidos da política… viñamos dunha ditadura, dunha efervescencia con xente nova, de novas ideas, as cousas cambiaron moito.

-E a esquerda tan dividida coma sempre. Semella un mal endémico dende as trincheiras da Guerra Civil, que relatou Orwell.

-Si, é un mal endémico porque agora hai moitos personalismos. Xa sabes que as pelexas entre irmáns son sempre máis duras que entre os de lonxe.

-Antes non había personalismos?

-Si, pero antes a idea xenérica era máis importante que a cuestión persoal, eramos máis xenerosos. Antes estaba máis claro o que había que cambiar. Agora as metas semellan máis difusas.

-De estar ben de saúde, seguiría na política?

-Si, si, claro. Sigo indo ás reunións do grupo, ando cos temas de urbanismo. Cando estaba con Antón (Sánchez, deputado de Anova no Hórreo), conseguimos con dous concelleiros de 13 que non se aprobara aquela burrada de plan xeral. Foi todo por presión social, evidentemente.

-Que opina da difusión sobre a ELA de Francisco Luzón?

-Está conseguindo firmar convenios coas comunidades autónomas. Aquilo do cubo de xeo tamén axudou a dar visibilidade, pero vexo moita dispersión. Explícome: en lugar de potenciar un centro de investigación único, concentrar os esforzos nun único punto, vexo que cada universidade actúa pola súa conta e iso non creo que funcione.

-Fan como a esquerda na política.

-[Risas] Si, un pouco si.