«Por intereses, o plan non se fixo»

Dolores Vázquez A CORUÑA

ARTEIXO

KOPA

O ex concelleiro de Obras critica o labor de Pose, ao que acusa de telos enganados

18 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Márquez (1955, Soutelo de Montes) é a cara máis visible do sector crítico que se escindiu do PP de Pose e di que aspira a que a súa lista sexa a máis votada. -¿Cre que a xente vai entender a crise? -Enténdeo perfectamente e imos seguir explicándoo ata o final da campaña. -Gobernaron con Pose. ¿Non se atribúen ningún dos erros desa xestión? -Hai que diferenciar. Non tiñamos dedicación exclusiva, e nun concello cada un ocúpase das súas áreas e non podemos andar mirando o que fan o resto dos compañeiros. Nese momento aproveitou para facer o que fixo. -¿Equivocáronse entón ao ir no equipo do rexedor? -Decepcionounos neste mandato. Cando empezamos co Plan Xeral no 2002 e vimos a cantidade de historias urbanísticas que se estaban facendo démonos conta de que nos enganaba. Procuramos falar con el, pero non fomos capaces de convencelo e intentamos chegar ao final da lexislatura dun xeito moderado. Avisámolo un ano antes de que íamos a concorrer con outro grupo onde el non estivera. -Pose di que tiveron as competencias de Urbanismo un ano e non fixeron nada. -Tivémolas de novembro do 2005 ata outubro do 2006, pero o Plan Xeral foi unha cuestión que levou el desde un principio e non foi capaz de elaboralo porque había moitos intereses. -¿Só lle atribúen erros no urbanismo? -Facémolo, porque mentres se adicou a súa inmobiliaria deixou de ser alcalde e quere recuperar ese posto a tres meses dos comicios. -Vostede xa cambiou dúas veces de partido. -Sempre fun como independente, nunca formei parte dun grupo e sigo dicindo que eu débome aos veciños. -¿Pensa nos pactos? -Despois do 27 veremos o que pasa. Con Pose non pactaremos e co resto depende dos resultados. -¿Que opina dos candidatos? -Seixas sempre critica os mesmos temas e é unha persoa que pensa vivir da política, Souto ten as mesmas directrices pero é máis moderada e véxolle máis posibilidades. Pose non debe ser o alcalde, non fixo méritos para que se confíe nel. -¿Que precisa Arteixo? -O primeiro que ten que facer o novo goberno é aprobar os orzamentos, porque estou convencido de que non vai atopar ningunha partida para traballar, e facer unha para o Plan Xeral; e tras o orzamento, o Plan, porque é o pan de cada día e sen el Arteixo queda paralizado. No noso programa van zonas verdes, equipamentos para escolas e zonas deportivas.