Espíritos e clientelismo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

ARTEIXO

RADIOGRAFÍAS | O |

26 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI UN par de semanas fun de convidado a unha voda en Arteixo. Non crean que ía de moi boa gana, abonde con dicir que non coñecía a case ninguén, nin sequera me soaba a cara do noivo. Aínda así, mantiven o tipo da mellor maneira e dispúxenme a presenzar a consumación do matrimonio. Contra todo prognóstico, alegreime ao ver que o xuíz de paz casaba á parella sen preámbulos. No medio do xardín do restaurante, en a penas catro minutos, liquidou unha cerimonia que eu temía longa. Mentres os noivos marchaban a sacaren as fotos de rigor, entrei cos demais convidados nunha sala onde servían uns aperitivos. Ao pouco, establecín conversa cunha parella que se afanaba coas croquetas e o vermú. En pouco máis dunha hora, a miña acompañante e eu estabamos sentados nunha mesa con seis persoas. A conversa, que empezou con temas triviais, acabou derivando, para a miña sorpresa, cara asuntos do paranormal. Un dos comensais, que falaba nun delicioso «coruño» de barrio, explicou que «los espíritos te ayudan, neno, pero luego les tienes que pagar el favor». Para distender a conversa mostrei a miña sorpresa de saber que no máis alá houbera tamén política clientelar.