A Coruña, ben de valor cultural

Xosé Alfeirán

A CORUÑA

CESAR QUIAN

Repasada a lista, hai acertos, pero as ausencias son clamorosas

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

—Pero que dis, neno!

—Si, muller, si. A Coruña é un dos maiores bens litorais de Galicia.

—E por que?

—Porque somos un tómbolo. Vivimos nunha lingua estreita de area que une Monte Alto co monte de Santa Margarida. Estamos rodeados polo océano. Caso único no patrimonio natural e humano galego.

—Xa, home. Pero eu falaba dos bens de valor cultural no litoral.

—Buah! Diso, estamos sobrados. Falamos de bens de valor histórico, artístico, arqueolóxico, científico, etnográfico e cultural e que son froito da nosa historia.

—Por suposto. Porén temos un problema.

—O que?

—Por onde vai o litoral? Aquí gañamos terreo ao mar.

—Pois, tes razón.

—Espera. Acaba a Xunta de sacar un listado.

—Estupendo. Estarán as galerías da Mariña?

—Pois non.

—Que raro! E os canóns do monte de San Pedro?

—Tampouco.

—E a igrexa de Oza?

—Non, están o faro e a batería.

—Xa, pero a igrexa é máis antiga, cunha ábsida románica, e está na ribeira da antiga praia.

—E o Millennium?

—Non.

—Que hai nese listado entón?

Repasada a lista, o desconcerto da paso ao estupor. Quen a fixo? Que criterios empregou na selección? Hai acertos, pero as ausencias son clamorosas: Está o edificio actual da Aduana, pero non o da histórica, hoxe Subdelegación do Goberno. Non están as galerías da Mariña, pero si o Náutico e uns elementos do paseo do Parrote, sen especificar!

As arbitrariedades abundan: Cales son as fontes de Méndez Núñez situadas na avenida do Porto? Están o Kiosco Alfonso, a Terraza, e o Colón, pero non os xardíns do Recheo, un museo histórico, artístico e vexetal ao aire libre feito sobre o mar. Non están as murallas marítimas da cidade, pero si o sistema defensivo da Torre. A falta de rigor histórico abunda: Que é ese xacemento romano do Centenario? Se é así, será toda a badía, de onde proceden numerosos achados arqueolóxicos. Non digo nada duns supostos petróglifos na Torre moi dubidosos e cuestionados. Iso si, débenlle gustar os enreixados e muros do porto, están todos.