Mar Costa: «Non temos sitio para máis nenos, as prazas esgótanse, hai pelexas!»
A CORUÑA
A judoka dá clase no Fogar de Santa Margarita e leva unha empresa de tempo libre
05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Di Mar Costa (Corme, 1998) que é moi teimuda, e que por iso leva máis de vinte anos facendo judo. Agora é cinto negro, pero comezou moi pequena nas clases do club coruñés Edukajudo en Ponteceso, e dá clases nese mesmo club e na mesma vila, pero tamén en Malpica e na Coruña, sen deixar de formarse para «ser a mellor profesora posible». Vén de facer un curso para atender a nenos con TEA (trastorno del espectro autista) e con outras diversidades, e defende a capacidade inclusiva deste deporte.
—Como empezou a facer judo?
—Miña nai necesitaba un sitio onde meter dous cativos que se levaban moi pouco, e a poder ser que foran xuntos. E a parte diso, con tres ou catro anos eu non quería ir ao cole porque se metían comigo. Eu era moi pequena e as outras nenas eran moi grandes. Entón miña nai encontrou a escusa perfecta, convenceume, díxome que ía a un sitio para aprender a defenderme, como para darme seguridade. E aquí estou, vinte anos máis tarde.
—De alumna a profesora, como é o cambio?
—Complicado, pero á vez moi bonito. O primeiro ano non tes credibilidade, partimos de que eu son unha rapaza moi nova. Tiven que poñerme firme nalgún momento e dicir: os profes que estaban son moi bos, pero ímolo facer á miña maneira. En Malpica empezamos o ano pasado un pouco por capricho meu. Meus pais intentaron moitas veces que houbera judo en Malpica e nunca se conseguiu grupo e o ano pasado dixen: vouno intentar. E teño vinte nenos.
—Na Coruña, o club dá clases en varios colexios...
—Si, eu estou no Fogar de Santa Margarita. Normalmente empezas nun cole e a idea é que sigas para que teñas continuidade cos mesmos nenos. No Fogar non temos sitio para máis nenos, acábanse as prazas, hai pelexas! En Ponteceso, por espazo teño que dicirlle que non a persoas. É triste, pero por capacidade non podo atender máis nenos por hora. Si que é certo que cando chega a adolescencia é cando empezan a deixalo. Os estudos, cámbianche os intereses, redescóbreste... Pero de Infantil a Primaria, adoitamos mantelos.
—Cando empezan tan pequenos, teñen medo os pais de que leven moitos golpes?
—Moitas veces mándanos pensando niso, e din que ao seu fillo gústalle pelexar. Pois non sei se estarás chamando á porta correcta. Para empezar, cos peques xogamos todo o tempo. Facemos xogos de psicomotricidade, o saúdo, que é o máis cerimonial e o que máis se respecta na clase dos pequenos. Son nenos de tres anos, queren xogar.
—E cando empezan a competir?
—Depende moito do neno e do profe. Agora teño un na cabeza, en primeiro de Primaria que xa estaría listo, pero os seus compañeiros non. Porque non teñen esa competitividade, porque veñen para xogar, e está ben. Por iso creo que tamén engancha, porque damos cabida a todo o mundo. Que non queres competir? Vale, esta é a túa clase. Que queres competir? Imos á clase de competición, aprendemos o que podes e non podes facer...
—Todos os que o practican din que o judo ten uns valores máis aló do deportivo.
— Por suposto. O deporte co que nos podemos comparar todos é o fútbol, e non ten nada que ver. No fútbol, os pais berran nas gradas. En judo, non. Ti ves berrar ao pai e desde abaixo o adestrador mira como dicindo «Que fas? Para». Os propios nenos saben que iso non se fai. Cando imos competir, o primeiro que lles digo é que isto non é fútbol. Ao árbitro, nin media. Se perdes, perdiches. Asumes, saúdas e a ver se somos quen de salvar a papeleta noutro combate.
«Cando tiven que adestrar en Arteixo e na Coruña, facía os deberes no bus»
Xa na adolescencia, para continuar coa súa formación, tiña que desprazarse á Coruña e a Arteixo.
—Facía os deberes á ida e á volta. E moitas veces teño ido sen duchar porque se non, perdía o bus, e tiña que chegar á casa para cear. A situación familiar era complexa, tiña a miña avoa enferma na casa, non me podían levar.
—Ademais de dar clases, é nai dun neno de dous anos e medio e ten, coa súa parella, unha empresa de ocio e tempo libre...
—Si, chámase Fontán Multixestión. A miña parella é educador. E a maiores, queriamos ser pais e dedicarlle tempo ao noso fillo. Entón decidimos crear a empresa, coa idea de facer campamentos en Malpica, nunha finca da miña familia. E agora el é autónomo, dedícase plenamente á empresa. Traballamos en verán, facemos extraescolares, aniversarios... Todo o que veña á rede é peixe. Este verán fixemos campamentos de conciliación polas mañás, non fixemos ningún de pernocta, tamén porque eu tiña medo co peque. O ano pasado non podiamos traballar se estaba el. Pero este ano si que entendeu que mamá e papá traballan. Entón, a empresa ten que crecer organicamente coa familia. Se non, non é un proxecto de vida. Por iso tamén imos lentos, porque imos os tres xuntos. Eu non concibo o crecemento da empresa doutra maneira.
—Van un pouco á contra...
—Si, por suposto. Se non, non sería profesora de judo sendo muller, o meu rapaz non sería educador sen sacar oposición. Pero é complicado, as veces é frustrante, chamo á miña nai e digo «son outra vez a rara». E miña nai contesta «fuches sempre!». Ao final, coa idade tes que darte conta de que non encaixas e non pasa nada. E a min tamén me da moito crecemento para despois falalo cos nenos na clase.