Arrinca o Castelo Conta 2025: dez días de cultura, comunidade e festa para celebrar unha década de edicións
A CORUÑA
Por primeira vez, o monte Xalo acollerá tres xornadas iniciais cheas de actividades, e a Gala dos dez anos, o xoves 28, será un dos momentos máis especiais, con música, humor e sorpresas
22 ago 2025 . Actualizado a las 12:41 h.O Castelo Conta 2025 arrinca este venres 22 de agosto para celebrar a súa décima edición cunha proposta única: dez días consecutivos de programación cultural en distintos lugares da parroquia de Castelo (Culleredo). Baixo o lema Dez voltas á festa, o festival conmemora unha década de encontros arredor da palabra, a música, a gastronomía e a comunidade, consolidándose como unha das citas culturais máis singulares do verán galego.
O monte Xalo será, por primeira vez, o escenario inaugural. Durante tres xornadas (22, 23 e 24 de agosto), o público poderá gozar dunha programación intensa nun auditorio natural que combina humor, concertos, actividades para a cativada e gastronomía. O corazón social do festival, casa Rodríguez, xunto coas distintas aldeas da parroquia, acollerá tamén boa parte da programación, como os xa clásicos Contos de Castelo ou os Vermús na Taberna, mantendo o espírito descentralizado que caracteriza ao Castelo Conta.
A gala dos dez anos, que se celebrará o xoves 28 na Polideportiva, será un espectáculo colectivo pensado para emocionar, sorprender e facer memoria, cun percorrido polos momentos máis especiais da historia do festival acompañado de música, humor e convidados especiais.
Celebrar a identidade e o territorio
O director do festival, Xosé A. Touriñán, impulsa o Castelo Conta desde a súa aldea natal e subliña que este festival é unha celebración da identidade: de onde somos, o que aprendemos, quen nos ensinou e en que lingua o fixemos. Destaca tamén a importancia de coidar o que somos, protexer o monte e manter protocolos que garantan o respecto polo espazo natural e as aldeas do rural.
O Castelo Conta non é só un festival cultural, senón un proxecto comunitario, sostible e enraizado no territorio. A organización traballa man a man coa veciñanza para garantir a conservación dos espazos e impulsar a cultura galega, fortalecendo o sentimento de pertenza. O equipo detrás do Castelo Conta combina veciñanza, persoas implicadas e colaboracións que fan que cada edición se converta nun lugar máxico onde tradición e futuro camiñan xuntos.
Colaboradores e apoio
Esta décima edición conta co apoio de Estrella Galicia, Deleite, Máis Enerxía Galega, Cafés Lúa, Clínica Médico Dental Pardiñas, Cartón Atlántica e Méndez-Rojo, que consolidan o proxecto e contribúen a manter viva esta proposta cultural. Ademais, o festival realiza accións solidarias coa ONGD Ecos do Sur, como o sorteo dunha cesta ou a venda dunha camiseta.
Información práctica
A programación completa pode consultarse en casteloconta.gal e inclúe máis de 50 actividades: concertos, espectáculos, sesións vermú, campamento para cativos e cativas, conversas e moito máis. A maioría das actividades son gratuítas, aínda que algunhas precisan entrada. As localidades para a Noite de Monólogos xa están esgotadas, e para acceder ás tres primeiras xornadas no monte Xalo é necesario dispoñer da pulseira Todo Castelo Conta, dispoñible tamén a través da web.
O festival conta tamén cunha aplicación (dispoñible en iOS e Android), que permite seguir a programación, acceder a contidos exclusivos, consultar o mapa interactivo dos espazos e recibir notificacións en tempo real coas últimas novidades.