Veiga Seijo: «Oito persoas facemos un doutorado europeo sobre a perda de xogo infantil»

D. Vázquez BERGONDO / LA VOZ

A CORUÑA

Carlos Lorenzo Gómara

Declárase sorprendida cos roles de xénero dos máis pequenos no tempo de ocio

07 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Silvia Veiga Seijo (Bergondo, 1994) fala dende Edimburgo, onde está facendo un doutorado europeo para terapeutas ocupacionais, financiado pola UE e dedicado a promover o xogo entre os máis pequenos. O obxectivo de P4PLAY, que é como se chama o programa, é combinar as necesidades dos que traballan cos nenos en risco de privación do xogo coas habilidades de investigación de académicos expertos en ciencias ocupacionais. A súa formación permitiralle estar ano e medio na capital escocesa e o último ano en Irlanda. É unha das primeiras oito persoas que o fan e recoñécese afortunada.

—Como logrou participar?

—Estudei Terapia Ocupacional, fixen un mestrado na Universidade da Coruña e despois seguín formándome. Fixen un posgrao en temas de violencia na infancia, sobre bullying e ciberbullying. Sempre me interesou saber como podía mellorar a profesión e fixen un pouco de todo. Ao rematar a carreira en 2016, traballei con nenos, con persoas maiores, nun proxecto de investigación no Chuac e tamén como interina na UDC. Comecei a ir a congresos, ao Occupational Science Europe. En 2019, en Amsterdam, presentaron o primeiro doutorado europeo para terapeutas ocupacionais. Pensei que se era das elixidas sería o soño da miña vida. O doutorado é o que che permite facer carreira investigadora, que é algo que me gustaría moito.

—Custoulle entrar?

—Coa pandemia adiaron os prazos para inscribirse. Tiñan unha web, mandei o currículo e pasei o proceso de diferentes entrevistas con supervisores de universidades de distintos países. O programa tiña oito prazas para estudantes de todo o mundo. Presentáronse unhas 100 persoas, de 38 países e escolleron 8. Son a única que fala español.

—Como é?

—No programa participan catro universidades, eu teño que pasar pola de Irlanda e se teño sorte polas outras, ou cando menos fago cursos. Estou matriculada na Queen Margaret University (Edimburgo) e na University College Cork (Irlanda). As outras dúas universidades beneficiarias son Luleå University Of Technology (Suecia) e Zurcher Hochschule Fur Angewandte Wissenschaften//Zurich University of Applied Sciences (Suiza).

—Que destacaría?

—É un proxecto desafiante por estar noutro país, nunha comunidade que non coñeces e noutro idioma. Hai que destacar que o que logras é unha bolsa Marie Curie, unha referencia a nivel de Europa e que promove o movemento de estudantes.

—O doutorado está especializado no xogo na rúa?

—En investigar o dereito dos nenos a xogar. Chámase P4PLAY, porque estudamos dende catro diferentes áreas, a das persoas, a da política, a da práctica e a dos lugares. Cada un de nós ten un tema diferente, pero os oito estudamos as causas da perda de xogo infantil.

—No seu caso, que analiza?

—Escoito a perspectiva dos pequenos e tamén dos membros da comunidade para crear unha sociedade máis amigable cos xogos dos nenos. Baséase en que hai, cada vez máis, unha deprivación do xogo. Os nenos teñen menos oportunidades para xogar. O meu proxecto é participativo e etnográfico, estou intentando que os nenos sexan partícipes e líderes para decidir como queren ter o xogo na súa comunidade.

—É posible reverter esa tendencia e que recuperen espazo nas rúas?

—Eu pretendo darlles voz a eles, como adultos, as veces, pensamos que faltan parques, pero eles o que din é que queren amigos con quen xogar, non sempre a eiva é material.

—Acadou algunha conclusión?

—Aínda estou comezando coa recollida de datos. O programa aborda o que sucede en áreas de pobreza e vulnerabilidade. O que se detectou e que as nenas están moi excluídas dos espazos de xogo. Basicamente non se lles permite xogar. Estiven presente en situacións de que os propios nenos lles impiden xogar con eles ao baloncesto, por exemplo, e quedei sorprendida. As dinámicas de poder home e muller xa son moi fortes dende pequenos e é moi chocante. Tamén se analizan os problemas que hai para os nenos con discapacidade funcional, moitas familias teñen que facer quilómetros para lograr parques accesibles.

«Vir coa pandemia e co brexit foi parte do proceso para chegar a Edimburgo»

Ten 27 anos e leva pouco tempo fóra da casa, pero poderíase contratar como promotora turística de Bergondo. É de San Fiz, a que define como «a terra mellor do mundo». Asegura sentirse moi leda coa experiencia no estranxeiro, pero aspira a poder continuar as súas investigacións dende a casa.

—Como foi o cambio?

—Cheguei a Edimburgo a mediados de abril e tiven que pedir un visado polo tema do brexit no Reino Unido, que tardou un tempo. Os meus compañeiros comezaron en xaneiro. Vir en medio da pandemia e co brexit foi parte do proceso para chegar.

—Afaise?

—Levo aquí máis dun ano e estou moi ben. Creo que está claro que o idioma é algo moi importante, sabía inglés, pero aquí tamén teñen o escocés. O que noto é que o estilo de vida cámbiache totalmente, de vivir nunha aldea no rural coa túa familia, pasas a facelo nunha cidade nun apartamento. En Edimburgo hai moita xente doutros lugares e hai unha mestura de culturas enorme. Iso dache unha riqueza a nivel persoal, faiche ver a vida doutra maneira. Ves moita diversidade pola cantidade de xente que ven a traballar. En canto ao lugar, de Edimburgo encántanme as paisaxes, o que máis ten son espazos verdes dentro da cidade. Sorprendeume moito.

—Que destacaría da experiencia?

—O que máis me gusta é todo o coñecemento que estou adquirindo grazas a esta oportunidade, o poder ter información certeira de como se fan as cousas. Para os terapeutas ocupacionais é importante que a xente saiba que existimos, pero tamén que invistamos en investigación para mellorar a nosa práctica. E este programa é específico para nós.