Esther Gómez: «É unha ledicia que se metan na conversa»

Mila Méndez Otero
MILA MÉNDEZ A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

A impulsora da librería Moito Conto concibiu un dos espazos literarios independentes con máis carisma da cidade

13 sep 2020 . Actualizado a las 14:03 h.

Entrar e sentir o impulso de ler, de coñecer historias. Esa é a maxia que conseguen espazos como Moito Conto. Cada andel invita a deterse e pasar as páxinas de títulos que as súas libreiras están sempre dispostas a comentar. Á fronte do seu equipo está Esther Gómez, nai desta tenda das palabras que se fixo un oco no microcosmos literario da Coruña.

-Con menos vida social polo covid, lese máis agora?

-A xente está lendo moito, confesan que len como nunca. Supoño que por varias razóns. A disposición do tempo de ocio é diferente. Por outro lado, creo que a xente tamén se está a refuxiar na lectura. Para uns ese refuxio é evasión, sen máis, para outros reflexión, ou ámbalas cousas. Aquí marcamos un bo verán. Cada ano que pasa, a xente tamén nos coñece máis, mesmo os que veñen pasar aquí uns días de vacacións.

-Primeiro o confinamento, logo a desescalada e os rebrotes, que case pechan a Feira do Libro da Coruña. Este verán que está a piques de rematar foi ben intenso.

-As librerías estamos moi afeitas á esixencia continua, aos cambios e ás crises. Este verán foi un pouco máis intenso que outros. Estamos aquí todo o día coa máscara, pero, cada vez que me dá moita calor, penso nos sanitarios.

-Superaron a fase dos ERTE?

-Desde o 11 de maio estamos todas reincorporadas e deixamos o ERTE. Somos un equipo de cinco persoas. Dúas a tempo completo, unha a media xornada, eu que son autónoma e unha colaboradora externa para momentos de apuro.

-O encerro fixo que se valore máis o comercio local?

-Cando estabamos confinados non nos solucionaba o día a día coller o coche e marchar ás aforas a comprar uns panos de mesa ou unha tixola. Algo que nunca me entrará na cabeza. Volvemos a ver o comercio local como persoas que lle dan vida á cidade, chaman ao cliente polo nome, míranlle á cara.

-Volverán os eventos culturais a Moito Conto?

-Fixemos un par de presentacións en xullo, cando aínda non había rebrotes. Unha de Kalandraka e outra de Anagrama, pero non temos proxectado facer de momento máis actividades culturais na librería. Só participamos nunha iniciativa coa escritora Brenda Navarro e Dores Tembrás en outubro. Agora mesmo non ten sentido, é o momento de activarnos con outras vías.

-Pode unha librería incrementar o índice de lectura na súa zona de influencia?

-A xente descubriu que lle gusta o que nos gusta a nós, falar de libros, non só que cho recomende un algoritmo, gústalle falar do que leu e do que le, das súas sensacións. Tratamos de crear unha rede de lectores, esta non é unha librería de paso. Hai que vir ata aquí e entrar, non é unha tenda que pases por fóra e digas, «ah, vin no escaparate…». Aquí sempre se está falando de libros, e creo que as librerías teñen que ser iso. En Moito Conto temos clubs de lectura improvisados continuamente! Sempre é unha ledicia que a xente che pida desculpas e se meta na conversa cando estás charlando con outro cliente.

-Como é o libreiro perfecto?

-Temos que vivir con entusiasmo e ilusión o noso mundo. O tempo dos libreiros constrinxidos e co ceno engurrado pasou, por moito que saiban de fondo de libros. Estamos en certo sentido obrigados a estar ao día se queremos vender.

-Hai, pode ser, exceso de novidades literarias cada mes?

-Hai moitas novidades, si, pero tamén hai moitos lectores diferentes. Setembro chega cargado, pero penso que é como todos os setembros e outubros, veñen as novidades fortes para o Nadal. O que pasa é que este ano o Nadal é tan incerto como a semana que vén. Vivimos a ilusión de vender libros no día a día.

Traxectoria. «Esta é una librería pequena e independente, un proxecto moi persoal. Cumpre seis anos en decembro pero levamos unha vida tan intensa que parece que levamos 20 facendo ruído», resume Esther Gómez.