Eli Ríos, vixiante na ABAU e autora dun texto

Rodri García A CORUÑA

A CORUÑA

CESAR QUIAN

«Foi un momentazo dos que pasa unha vez na vida», di a escritora que atopou unha obra súa nas probas

10 ago 2020 . Actualizado a las 09:01 h.

«Eu son máis galega que as patacas». Isto espeta Eli Ríos (Londres, 1976) sobre as súas orixes. Seus pais eran emigrantes e por iso naceu na capital británica, «pero o único que conservo é o do té. Foi unha casualidade». Claro que para casualidade a que viviu durante a celebración das últimas probas da ABAU. Estaba «na miña facultade», a de Filoloxía de Santiago na que se licenciou. Era unha das persoas encargadas do control das probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade, Abau. Alí andaba «repartido papeis» e vendo que todo fora ben. «E deume por mirar a ver que texto lles puxeran en galego», lembra. Cando empezou a ler di que pensou: «¡Como me soa este texto!». Ata decatarse de que era parte do seu libro O ceo das reixas (Xerais). «Foi un momentazo dos que pasa unha vez na vida», asegura. Estivo tentada, di entre risas, de «levantar a mascariña e dicirlle á rapazada que preguntara o que quixera que eu podía explicarlles todo, todo,... Non o fixen, claro», conta, divertida. 

Autora clásica

Conta o que escribiu nas redes sociais un dos alumnos: dicía precisamente iso de que xa era unha autora clásica «así, sen morrer e todo», lembra, rindo.

A que fora gañadora do premio Torrente Ballester coa novela Luns (Xerais), e premio de poesía do Concello de Carral con Nós escoitando o badalo de marienplatz, publicou neste último ano dous libros case ao mesmo tempo. Un foi o xa citado, incluído na ABAU, O ceo das reixas, unha historia que «recrea o ambiente carcerario a partir de protagonistas femininas e fainos descubrir que a liberdade non sempre depende do número de barrotes que teña unha reixa. Esta novela fala da invisibilización, dos silencios, da violencia e da linguaxe que constrúen cadeas imperceptibles arredor das mulleres», indican desde Xerais.

O outro libro foi Remexido de patacas (Baia Edicións) co que gañou o XL Premio Modesto R. Figueiredo. Aquí «as persoas lectoras son as protagonistas», di Ríos. Salienta que durante o confinamento este foi un texto sobre o que traballaron alumnos do instituto da Agra, na Coruña, «e fixeron uns vídeos incribles». De feito, «un deles, o de Pablo Pérez Presedo, usámolo, despois de pedirlle permiso, na promoción do libro». Por iso, na páxina de Baia Edicións pode verse este vídeo de un minuto escaso no que, indican desde a editorial, Pablo Pérez «achegounos este traballazo sobre o libro de #EliRíos #Remexidodepatacas».