Falece Elvira Varela Bao, memoria das Irmandades da Fala

A CORUÑA

bao
EDUARDO PEREZ

Filla de dous dos fundadores da organización nacionalista, dedicou a súa vida a rescatar o legado dunha xeración única

16 jul 2020 . Actualizado a las 13:21 h.

Din que os fogares que habitamos falan de nós. A casa de Elvira Varela Bao, unha das últimas testemuñas das Irmandades da Fala, era a memoria dun tempo que moitos só coñecemos a través dos libros de texto. O salón da súa vivenda da Coruña era todo un museo que sempre estaba encantada de ensinar á prensa. Alí seguirán penduradas as ilustracións e pinturas orixinais de Álvaro Cebreiro, Castelao e Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo) que atesouraba; ordenadas nos andeis, primeiras edicións como a O rei avarento, o álbum Nós (convertido en libro en 1931), A rosa de cen follas, coa dedicatoria de Ramón Cabanillas, ou o xuramento galeguista, «Polo que máis quero xuro ser dos bos e xenerosos»; na parede, fotos nas que Manuel Lugrís (pai do pintor Urbano Lugrís), Ánxel Casal e Antón Vilar Ponte sorrín á cámara. E, entre aqueles fundadores das Irmandades, seus pais: Bernardino Varela Docampo e Elvira Bao, a mestra republicana que bautiza hoxe co seu nome a primeira residencia de estudantes pública da Universidade da Coruña e unha praza na cidade desde o 2017

A voz dunha época apagouse este 15 de xullo, curiosamente, no cabodano de Rosalía de Castro. Elvira Varela Bao faleceu aos 94 anos de idade, logo dunha vida dedicada a rescatar do esquecemento o legado dunha xeración única. A que alumeou as Irmandades no 1916 na Coruña (activas ata 1931), o movemento galeguista que asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego e foi xerme do nacionalismo. «O que temos agora é grazas a eles», repetía.

Xuramento das Irmandades da Fala asinado por Bernardino Varela e prestado pola súa filla, Elvira Varela Bao, para a exposición das Irmandades da Fala
Xuramento das Irmandades da Fala asinado por Bernardino Varela e prestado pola súa filla, Elvira Varela Bao, para a exposición das Irmandades da Fala Elvira Varela Bao

Elvira tiña tan só dez anos cando comezou a Guerra Civil no 1936, pero os recordos daqueles infaustos momentos seguían claros súa retina. A persecución da que foi vítima seu pai, capitán da mariña mercante «un día -contou nunha entrevista do programa Vía V- entraron na casa a pedirlle a meu pai que entregase as armas que tiña. El abriu a porta da biblioteca e ensinoulles os libros: "As miñas armas son estas"»; e o encadeamento de súa nai, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña. Indelebles eran tamén recordos máis alegres, como as tardes de sobremesa con Castelao.  

Un traballo de recuperación e rescate polo que foi recoñecida como Republicana de Honra 2013 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Un esforzo que pagaba a pena, insistía. «Para que aquilo nunca máis se repita», defendía Elvira, que, como súa nai, tamén foi mestra. Para a lembranza queda tamén a súa mirada azul como o ceo de mediodía.