Catro Camiños perde o seu maior poeta

Álvarez Torneiro, o primeiro Premio Nacional de Poesía por un poemario en galego, era un discreto veciño do barrio


A CORUÑA

-¡Ola! ¿Como estás?

-Vente. Vamos tomar un café.

Este era o comezo das conversas con Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932-2019), xornalista, poeta e veciño de Catro Camiños. Sempre falabamos nos bares. Faleceu este luns. Ese día cumpríronse seis anos desde que pasou a ser o primeiro escritor en recibir o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura por un poemario en galego: Os ángulos da brasa (Factoría K, colección Tambo). Recibiuno cunha enorme ledicia, con agradecemento e coa súa actitude de sempre: «O mundo é unha merda pero a vida é marabillosa».

Durante moito tempo, ata que pechou, Torneiro estaba polas mañás na cafetería Torre Esmeralda. Café, churros, lectura de xornais e conversas nas que, entre outras moitas cousas, lembraba os encontros con Pepe Hierro [dedicoulle algún dos seus poemas], comentaba o último libro de Luis García Montero, un dos autores actuais que seguía con gusto, falaba de novidades literarias galegas ou rosmaba das cousas que non lle gustaban.

«Eu do Premio Nacional xa me esquecín aos quince días. Entre outras cousas porque non pensaba que mo deran. Foi unha lotería. En Madrid tocaron a tecla da T, saíu Torneiro e aí vai... Pero mira que en España hai centos, ¡miles!, de poetas caralludos». Isto dicía, no Nadal do 2015, cando «Tambo rescata na súa versión definitiva agora, vinte anos despois da súa primeira aparición, tras merecer o Premio Esquío», o seu poemario Rigorosamente humano. Contaba entonces Torneiro: «Eu leo moita poesía. Aínda tiven que meterme entre cella e cella máis de 15 libros porque tiña que ser membro do xurado do Premio Nacional. Pero collín unha tromboembolia pulmonar, meteume na cama tres meses e nin aos actos de Pepe Ferreiro puiden ir. Nin con bastón nin en ambulancia podía ir». Ferreiro, xornalista e escritor, era un dos seus grandes amigos: compartían cafés no Kirss, no que se podía escoitar: «Dáme os cafés dos da Voz». Os dous foran redactores de La Voz de Galicia cando o xornal estaba en Catro Camiños.

«Hechos y figuras»

«Teño unha carpeta con todo o que fixo e coa idea de publicar un libro porque están moi ben». Iso contaba estes días o fotoxornalista Xosé Castro. Él era quen fornecía de imaxes a Torneiro para a sección Hechos y figuras. Aí pode verse a mestría literaria do poeta, capaz de arrincarlle unha historia a calquera imaxe. Castro lembra especialmente a que fixo sobre un xamón que estaba colgado na entrada do campo de fútbol de Betanzos nun día de partido. Era para un sorteo. Pero a Torneiro o mesmo lle servía un xamón que un televisor tirado no lixo, unha muller sentada na beira dunha estrada ao lado dunha sinal que prohibía circular a máis de 80 por hora ou o candado que o dono dun 600 puxera na porta do coche. Aí deixaba a súa enorme pegada literaria, poética e silenciosa, porque eses textos non están asinados.

Era un home que gustaba do silencio, algo que estaba no título do seu primeiro libro, Memorias sobre o silencio. De ese poemario escribía Xesús Fraga neste xornal con motivo da concesión do Premio Nacional: «Aqueles versos daban conta dun poeta maduro, na escrita e na vida, cunha clara vocación existencial na que a ollada do poeta nacía da introspección pero ao mesmo tempo se proxectaba cara ao seu entorno, paisaxístico e humano, o que lle outorgaba un pouso comprometido e social ao seu ton». Ademais, «é un escritor que racha cos tópicos asociados á literatura. Comezou a publicar pasados os cincuenta anos e desde entón suma unha vintena de libros nos que latexa unha personalidade poética que destaca cun fulgor inversamente proporcional á discreción coa que conduce a súa vida como escritor».

Alfombra vermella no bar

Torneiro apenas acudía a actos culturais, só a aqueles nos que participaban persoas moi amigas. Despois do peche do Torre Esmeralda movíase por cafeterías da zona de Catro Camiños, en ocasións apoiado nun bastón e nos invernos con un gorro para protexerse da chuvia.

Na última conversa longa contaba como nun dos bares do barrio «case me poñen alfombra vermella», dicía retranqueiro. Un dos camareiros díxolle ao xefe que aquel cliente era Premio Nacional de Poesía. Este amosoulle o seu recoñecemento ao veciño poeta que agora marchou, tamén discretamente, deixando un consello no seu poema De camiño: «Gardade vós as tardes compartidas, / a palabra-navío na que facer viaxe, / algún froito absoluto dos que queiman nas mans».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Catro Camiños perde o seu maior poeta