«Temos á xente moi involucrada»

C .F. Roldán A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

17 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniel Rocha é o propietario de La Revolución de los Graneles, na avenida dos Mallos, a primeira tenda coruñesa de venta de produtos de limpeza a granel que promove a redución do uso de envases de plástico.

-Como funciona a tenda?

-A xente adoita traer o seu bote e enchelo co noso produto. Se non tes bote, nós adoitamos ter, porque moita xente nos deixa na tenda os que lle sobran.

-Por que decidiu abrir esta tenda na Coruña?

-Nunha cidade tan orientada ao mar valórase moito unha tenda deste tipo. Eu fai dous ou tres anos comecei a reducir plásticos e vin que había xente con falta de ferramentas. Iso comprobeino agora que abrín a tenda, porque moita xente non sabía como facer para reutilizar os plásticos de limpeza.

-Como é agora o perfil do voso público?

-Nós aquí temos a xente moi involucrada co tema que vén de lonxe, pero tamén temos persoas do barrio que non teñen unha grande preocupación por isto. A filosofía da nosa tenda é que podes ter unha conduta ecoloxicamente responsable sen traballo e sen que custe de máis. Non queremos que estes produtos sexan de luxo. Nós queremos ser ante todo accesibles.