Suso Martínez: «Pregúntanme como se eu fose unha ánima en pena»

LUIS BUSTO / A. A. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

EDUARDO PEREZ

O guía explica que os británicos e irlandeses veñen á Coruña porque buscan entender que nós sexamos o berce das nacións celtas

11 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Suso Martínez é guía turístico na cidade herculina, aínda que el prefire definirse como «real actor». Suso é tamén historiador, e interpreta a personaxes históricas en todas súas visitas. Isto significa que os meses de estío , nos que a xente vai de vacacións, sexan para Suso os de máis traballo do ano.

-En que consiste o seu traballo?

-Eu son historiador e guía, o que pasa que eu intento facer algo máis que unha visita. Son un fanático de Curros Enríquez, entón el chamáballe a Galicia «meiga Galicia». Eu son case como un testamentario, poño paixón e utilizo o patrimonio de Galicia vende maxia. Son guía oficial, pero máis que facer unha visita teatralizada, eu interpreto dunha maneira diferente e atractiva, son un real act man, o que significa que eu son un fanático dunha personaxe, que se mete moito no papel. Eu non teño un guión escrito que memorice, digo o que me sae nun momento determinado.

-Cal é o tipo de público do verán?

-No verán hai turistas, xente de fóra, ese é o espírito, atraer e ofrecer servizos aos visitantes. En verán hai turismo, cada vez máis, pero a partires de outubro o turismo empeza a baixar, pero as visitas non baixan, seguen estando a tope, veñen xentes locais. O cal é positivo porque significa que non só é un produto para turistas, temos un servizo didáctico para todo tipo de xente. Os de fóra métense de maneira moi potente no noso patrimonio, e os da casa descobren cousas que descoñecían.

-Que é o mellor de traballar durante o verán?

-Sobre todo a xente que ven de fóra, estranxeira. Por exemplo na visita da torre de Hércules nótase que hai un tirón dos países celtas. No faro facemos o papel de Míl Espáine, que é o fillo de Breogán que dende Galicia cruza o mar e conquista Irlanda. Veñen moitos británicos e irlandeses porque senten a necesidade de que alguén lles conte o porqué di a lenda que eles veñen de aquí, eles teñen moito interese niso. Para min é unha grandísima honra poder explicar cousas como estas e interpretar o que di o libro das invasións de Irlanda. Entón para min é fantástico explicarlle a un irlandés por que á xente da súa nación lle chaman á Coruña the cradle of the celt, é dicir, o berce das sete nacións celtas, para min é unha honra e moi divertido. É o bo que ten traballar no verán.

-Cales foron as anécdotas máis curiosas no seu traballo?

-Na visita nocturna do cemiterio de Santo Amaro, que é a visita con máis demanda de España, eu recoñezo que aí métome moito no que fago, ten en conta o escenario. Eu vivo moito a personaxe da ánima en pena, que é o guía. Chámase Fiz de Cotobelo, que é un persoeiro sacado do libro do Bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez. Entón hai xente que vive a visita un pouquiño de máis, e pregúntanme cousas que me dan a entender que eu non saio nunca do cemiterio, que pensan que están falando cunha auténtica ánima en pena. Persoas que hoxe poderían ser calificadas como frikis, todos os frikis de Europa dáme a impresión que pasan polas visitas guiadas do cemiterio de Santo Amaro. Pregúntanme cousas como se efectivamente estivesen falando con Fiz de Cotobelo: «que tal se está aí?», e cóntanme cousas do mundo moderno. E logo a xente tamén segue preguntando onde está a catedral da Coruña. Outra das anécdotas bonitas, na visita de sir John Moore, que é tremenda, van todos os ingleses aí, porque é un persoeiro mítico e moi coñecido que estudaban no High School. Entón parece un servizo público de xentes que din que descenden do xeneral, con esta xa van cinco visitas, neste caso un señor de Nova Zelandia, que me di que descende de sir John Moore, pero o xeneral non tivo fillos, morreu na Coruña no ano 1809. Hai por aí bastantes Moore por todos os continentes, entón os membros desta extensa familia fan unha romaría para visitar a tumba de Moore e póñense en contacto comigo, e xa vai o quinto membro que di que descende do xeneral John Moore. Estoume convertendo no embaixador da familia John Moore na Coruña.

-Cal é a visita que máis lle gusta ao público en xeral?

-A do cemiterio de Santo Amaro. A tempada de visitas ábrese en Semana Santa e estamos todos os sábados ata final de ano. Entón a primeira semana, en Semana Santa, cando se abre o prazo, xa chama xente de todas partes e cópanse todas as prazas. É incrible, leva pasando desde o 2012, que se inauguran estas visitas porque se cumpría o bicentenario do cemiterio, xa van sete anos de listas de esperas quilométricas. Eu non sei se hai moita xente aquí que sabe que temos a visita con máis demanda de España. Isto significa que facemos un turismo cultural e confírmase que funciona, do cal me sinto especialmente orgulloso.