Guísamo acrecenta a súa historia folk

A CORUÑA

XOAN A. SOLER

Os folkies teñen unha cita obrigada este ano o 24 de agosto con Susana Seivane, Leilía, Tanxugueiras e Quinta San Vitorio cando se celebra o 20.º aniversario do festival

21 ago 2019 . Actualizado a las 10:06 h.

O de Ortigueira cumpriu este ano os 41, Pardiñas acaba de chegar aos 40, e a Carballeira de Zas aos 36. O Festival de Folk de Guísamo, outro imprescindible das citas folkies ou das dos seareiros da música tradicional, suma este ano a súa vixésima edición. Quen queira axudar a soprar os cirios a cita é no campo da feira de Guísamo o 24 de agosto. Dende o Concello de Bergondo se indica que será unha edición «feminista e feminina», coa presenza no cartel de Susana Seivane, Leilía, Tanxugueiras e Quinta San Vitorio, un trío que impulsa Pedro Lamas en homenaxe a Jacinta Landa Vaz. A proposta da xornada comeza cun xantar romeiro á sombra das árbores do campo da feira, para continuar con obradoiros pola tarde, antes de que cheguen os concertos as 21.00 horas.

Diana Fontenla

A primeira formación en actuar será Quinta San Vitorio, que recupera o legado de Jacinta Landa. Pedro Lamas (saxo e gaita), Sofía Adriana (voz e percusion) e Sabela Caamaño (acordeón) integran Quinta San Vitorio, unha proposta con reminiscencias a Casa Cortón de San Fiz de Vixoi, un referente cultural de Galicia de entre séculos. O trío estréase en Guísamo recuperando pezas que gravou nos anos 50 tras emigrar a México a mestra Jacinta Landa Vaz, esposa do intelectual Xoán Vicente Viqueira co que estivo nese pazo bergondés. 

XOAN A. SOLER

Tras eles actuará Leilía, sobre as 22.00 horas.Felisa Segade, Ana Rodríguez, Patricia Segade, Merchi Rodríguez, Montse Rivera e Rosario Rodríguez foron quen de reivindicar, dende finais dos 80 o peso e o protagonismo musical ao redor da pandeireta e o canto tradicional. O seu xeito de traballar marcou o camiño a seguir para outras moitas formacións e o seu éxito supuxo o recoñecemento a un patrimonio ata daquela infravalorado. Trinta anos despois seguen apostando pola tradición oral.

BASILIO BELLO

Tras elas subirá ao escenario, sobre as 23.30, Susana Seivane. A gaiteira tamén está celebrando os seus 20 anos na música. E faino cunha xira que recoñece que está sendo marabillosa. Deuno todo xa en Zas, nas Festas de María Pita e en Pardiñas, pero a ruta Seivaneira aínda terá unha parada en Guísamo, preto das súas raíces musicais,xa que o obradoiro erixido polo seu avó está a poucos quilómetros do campo da feira da localidade bergondesa onde fará un repaso da súa traxectoria.

 

PACO RODRÍGUEZ

Tanxugueiras, un dos berros máis novos da tradición, pechará o festival. Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío están xa bregadas de levar a tradición a cantos torreiros as chamaron cativados polas súas voces poderosas e o seu xeito de transmitir pezas tradicionais. Beben da tradición das pandeireteiras e forman parte dunha nova fornada que se impulsou ao carón dun novo auxe da música tradicional. Co respaldo da crítica e do público agora están de xira co seu primeiro traballo discográfico.