Será dirixida por Gena Baamonde e contará cun elenco de dez intérpretes
05 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A próxima produción propia que lanzará o Centro Dramático Galego será Neorretranca e posmorriña, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía n.º 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou onte no DOG (Diario Oficial de Galicia) o anuncio polo que se lle dá publicidade á convocatoria do proceso de selección dos dez actores e actrices que porán en escena o novo proxecto da compañía pública, con estrea prevista para o 11 de abril.
A reflexión sobre a identidade galega, detalla a Agadic, é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta iniciativa no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia.
Segundo as bases publicadas na web da Agadic, os intérpretes que opten ás 4 prazas con categoría de protagonistas e 6 de principais teñen de prazo ata o mércores 19.