«A vantaxe do cómic é que é un soporte moi económico para contar historias»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Acaba de presentar «Legado», o seu terceiro traballo no que vai de ano

24 sep 2018 . Actualizado a las 11:01 h.

É o guionista máis prolífico da banda deseñada galega. Kike Benlloch leva escribindo historias dende o minuto cero da explosión de creatividade do noso cómic. Foi un dos impulsores do colectivo Polaquia, do que saíron tantos autores agora xa máis que recoñecidos, e ten traballado cos mellores pinceis desta esquina atlántica, dende Alberto Vázquez ou José Domingo ata David Rubín, entre moitos outros. A súa infinita ansia creativa levoulle a presentar neste ano as obras Vampiro, con Pablo Astudillo; Amair, con Luis Sendón (con quen tamén ten colaborado en Altar Mutante) e a máis recente de todas, Legado, con Xulia Pisón.

-Cónteme deste último traballo.

-É unha historia de ciencia ficción que se publica en dúas partes, este ano presentamos a primeira, en formato cómic-book, de revistiña con grapa, e que esperamos poder presentar a segunda parte ao longo dos próximos doce meses.

-Publícaa a tenda de cómics Alita, dentro dos actos do seu 15.º aniversario. Xa tiña feito algo con eles...

-A verdade é que nun principio pensamos en sacalo pola nosa conta, autoeditado. Pero xurdiu o de Alita, e nós encantados, porque nos resolve moitas cuestións de loxística, almacenamento, distribución... E non só e o segundo proxecto que fago eu con Alita, senón que tamén é o segundo de Xulia, que xa traballou tamén con eles.

-Como ve a escena actual da banda deseñada galega? Pasou xa a explosión creativa da que levamos anos falando.

-Xa cando pechamos Polaquia se dicía que detrás de nós non viña ninguén. E a realidade é que nun par de anos xa había unha nova fornada de rapaces novos facendo cousas excelentes e adiantándonos pola dereita en moitos aspectos. Actualmente hai xente de tres ou catro xeracións facendo cómic en Galicia, con moitísima diversidade e calidade. Son optimista de cara ao futuro, Galicia é un lugar privilexiado nese sentido.

-E por qué se da ese fenómeno en Galicia?

-A vantaxe que ten o cómic é que e un soporte moi económico para vehiculizar ideas e contar historias. Aquí non temos unha gran estrutura que nos permita facer grandes producións editoriais nin temos unha gran industria cinematográfica como Hollywood, entón, antes de renunciar ás ideas, intentamos canalizalas cos medios que temos ao noso alcance, que é o cómic e que é marabilloso.

-Facemos cómic porque é o que está ao noso alcance?

-O que nos empurra a facer cómic e que adoramos o cómic, é o meu medio artístico preferido. Pero temos que ser realistas. As ideas que contamos en historietas teñen moitísimas menos posibilidades de converterse en franquicias de xoguetes ou películas que se esas mesmas ideas se fixeran en Estados Unidos. Non só facemos cómic porque sexa un soporte barato, pero sen dubida e unha das vantaxes que ten.