Andrea Pousa: «Non é pop, rap ou fado, é unha fusión»

A CORUÑA

Yhonatan Andura Petit de la Crem

A cantante de Tomiño presenta este domingo no Garufa Club o seu primeiro traballo discográfico en solitario

13 abr 2018 . Actualizado a las 11:11 h.

Domingo • Sala Garufa • 20.30 horas • 10 euros

 Andrea Pousa (1988, Tomiño) presenta na cidade o traballo co que se estrea no mundo discográfico en solitario, tras máis de 15 anos de experiencia sobre os escenarios tanto en proxectos musicais como de interpretación. O traballo foi producido polo compositor e músico Nani García, que a acompañará ao piano no concerto, xunto a Criptana Angulo ao cello, e Carlos Calviño ás guitarras.

-A proposta non é moi habitual?

-Moita xente pídeme que me defina, pero eu bebo de moitas ramas, pero é certo que non se soe escoitar este estilo porque é moi meu, porque estou fusionada con diferentes variedades musicais. Bebo moitísimo do fado, porque as miñas principais referencias vocais están en Portugal, e o timbre é diferente. Non é pop, nin rap, nin fado, congrega moitas fusións e todo soa ao mesmo, que é a miña esencia.

-Con todo, é arriscada.

-Fago músicas do mundo, e é difícil clasificar. Non sei se é arriscada o que é algo único e permíteme ter diferenzas cos demais.

-O disco ten 12 temas inéditos, son composicións propias?

-Case todos son de Nani García, tamén de Sergio Gramary, un músico que traballa comigo; da letrista María Inés Cuadrado, do meu profesor Luis Lechuga e tamén teño eu algo. É o meu primeiro disco e decidín deixarme asesorar na materia. Aínda que hai compañeiros que fan as dúas cousas, aínda non estaba preparada para iso, pero teño un tema da miña autoría con Nani. Se cadra para o próximo...

-Como define o disco?

-Podemos atopar algo único, con variedades fusionadas con diferentes ritmos e sonoridades, do fado, máis latinas e incluso un toque brasileiro nun poema de Rosalía, Pasa río, musicalizado por Rodrigo Romaní.

-Por que tres idiomas?

-Porque me considero trilingüe, o meu idioma nai é o galego, falo castelán todos os días tamén e o portugués é como un irmán que sempre ven comigo e non pasa unha semana que non vaia a Portugal. E o título, Respirar, quixen que fose igual para os tres.

-Vén do musical?

-Si, son os proxectos que temos na compañía de espectáculos Queiman e Pousa, que teño co Bruxo Queiman, pero este novo traballo é puramente concerto.