Dende hoxe e ata o 4 de marzo terá lugar na Coruña o evento BioCultura 2018, que se presenta como unha feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable. Non se trata dunha exposición nin dunha actividade divulgativa. É unha feira, é dicir, un negocio no que, segundo a primeira acepción do dicionario da Real Academia Galega, «se compran e venden mercancías». Entre as que aquí se exhiben, a propia publicidade do evento inclúe «terapias y medicina integrativa» e tamén «terapias y medicinas complementarias», cuestións de difícil encaixe no sector dos produtos ecolóxicos e o consumo responsable.
Arredor deste negocio tense producido unha importante polémica nos últimos días, ante a previsión de que no mesmo participasen relevantes representantes do colectivo antivacinas. Como consecuencia, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña evitaron a presenza e retiraron os apoios ao evento, e o Concello da Coruña suspendeu as charlas antivacinas previstas. Sendo unha excelente nova, é unha mágoa que só chegase trala protesta dun amplo colectivo de académicos, científicos, divulgadores e cidadáns concienciados, no canto de teren sido suprimidas a priori porque as institucións se preocupasen polo contido dos eventos que acollen e apoian.
No caso dos antivacinas a sociedade é moi consciente do perigo real do retorno de enfermidades contra as que hoxe estamos suficientemente protexidos, e por iso este tipo de accións xera un rexeitamento inmediato e frontal. Sen embargo, en BioCultura 2018 permanecen sen suspender moitas actividades que son igualmente perigosas, aínda que a conciencia pública ao respecto sexa máis feble. Así, por exemplo, en BioCultura 2018 están previstas charlas sobre todo tipo de contidos pseudocientíficos, ou directamente anticientíficos, con títulos tan «suxestivos» como ¿Cuál es la mejor agua para beber?, Beneficios del agua de mar, El ser holístico del siglo XXI, Geometría sagrada y terapia vibracional ou Meditación con sonidos chamánicos.
A presenza destas charlas, que non teñen nada que ver cos «produtos ecolóxicos» nin o «consumo responsable», non é casual. A web da organizadora, BioCultura, amosa propostas como Constelaciones Akáshicas y Kármicas, Guion de nacimiento o curarse con el Tagdröl ou Péndulo hebreo o respiración holoscópica. A asociación Vida Sana, tamén promotora do evento, recomenda solucións de saúde mediante Rituales Centro Holístico. A relación de todo iso cos contidos de BioCultura 2018 parece clara, e evidencia o carácter de negocio da feira.
E a postura das autoridades responsables? Nunha entrevista radiofónica, unha concelleira da Coruña cualificou o programado no evento como «cuestións opinables», e xustificou a presenza de anticiencia por teren recibido o programa detallado do evento «un par de días antes». Nin o primeiro nin o segundo se sostén. Non son cuestións opinables, xa que non teñen fundamento científico e, polo tanto, non deben ser apoiadas dende institucións oficiais, nin con financiamento directo nin de modo indirecto (poñendo a disposición locais públicos). Aínda que os organizadores paguen polo uso dos locais, fano a prezos públicos, financiados por todos os cidadáns. Ademais, a difusión deste tipo de mensaxes dende foros institucionais proporciónalles unha pátina de seriedade e oficialidade que non teñen nin merecen. Respecto ao momento de recepción do programa detallado e ó seu control, ten que ser o adxudicador do espazo quen marque a axenda, non o adxudicatario.
Regresión
Existe ademais un punto de vista histórico que fai que a presenza deste tipo de eventos anticientíficos na Coruña resulte extremadamente ofensiva e dolorosa. Esta cidade ten acollido importantes fitos científicos: da Coruña partiu a expedición de Balmis; tamén a viaxe de Alexander von Humboldt. Ambas cambiaron a historia da Ciencia e determinaron o futuro da humanidade. Esta cidade non se merece que as nosas autoridades e institucións promovan a ignorancia e a regresión do coñecemento.
Nos próximos días imos ter na nosa cidade un compendio de anticiencia, farase apoloxía da ignorancia... Nada do que se vai promocionar ten base en evidencias científicas. É unha ofensa á intelixencia. É unha forma de corrupción non catalogada: corrupción intelectual. Estas charlas, e outras semellantes, non deben realizarse en instalacións públicas nin seren financiadas con fondos públicos, sexa de modo directo ou indirecto. Nin agora nin no futuro. Parafraseando á dobre campioa do mundo de xadrez Anna Muzychuk: «É triste perder turistas e ingresos turísticos, pero peor é perder a dignidade».
Moisés Canle López e Federico Pomar Barbeito son profesores da Facultade de Ciencias, e Manuel F. Herrador, da Escola Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.