Berlai expón hoxe a vida do «Desconhecido» no Garufa

Dolores Vázquez A CORUÑA

A CORUÑA

. m. míguez< / span>

Presenta un traballo singular, que recolle un cedé musical e unha historia ilustrada

02 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 21.30 horas • Garufa Club • Entrada: 8 euros en billeteira • Desconhecido, o traballo que presenta esta noite Berlai, ten o enganche dun proxecto diferente por ser unha oferta dupla, no que se mestura a música e a banda deseñada, unha proposta que se traslada tamén ao directo, onde non só estará o grupo liderado por Xiao Berlai sobre o escenario, senón tamén o ilustrador Ernesto G. Torterolo, o encargado de poñer imaxes a un proxecto que relata a vida dun home inconformista.

 Xiao Berlai, que foi integrante do extinto Fía na Roca, tira de lirismo para recoller e relatar en trece pezas a historia dramática e combativa do seu tío avó, un home que decidiu vivir sen respectar os regras establecidas para manterse fiel a un amor prohibido por unha sociedade clasista. Foi unha especie de anacoreta namorado nun país que o cantante chega a comparar co Far West, seguindo a senda de Carlos Negro. Berlai recrea, debido a que a esquiva vida do seu tío avó lle impediu afondar máis na súa biografía en vida, o que deberon ser os seus sentimentos. Cun gran pouso de música tradicional nas letras, o disco ten unha difícil catalogación nun único estilo, xa que xoga con referencias indie-pop, de rock e ata a canción protesta e música electrónica. Xiao Berlai remarca que o que busca e recuperar con esta proposta o ritual do vinilo, a escoita repousada e sentada cun traballo que ata ven cun manual de instrucións.

-É difícil clasificar a música de Berlai.

-Musicalmente non intentei facer que seguise un estilo moi definido, porque a propia historia dábame para pasar por diferentes, nalgún momento máis electrónico como Massive Attack, e noutros máis Radiohead, e nos máis descritivos Albert Pla ou Extremoduro e sempre impregnado pola música tradicional galega, que sempre me acompaña.

-Atrévese a facer unha versión do himno galego, en «Intro Far West».

-Naceu nun ensaio, non estaba pensado, pero as referencias todas que había na letra ao himno e o mundo galego levounos a tocalo en plan salón e saíu. Pareceume interesante comparar Galicia co Far West, por varias razóns, por un lado polo libro de Carlos Negro, aínda que a letra é libre con respecto a el, pero hai ideas que me gustaban, xoga un pouco con ver Galicia como un Far West onde o galego é un pouco o apache que ten que quedar na reserva e interesábame unha empatía co mundo indio de Norteamérica. Supón un toque de atención de que non nos quedemos na reserva e que nos deamos conta de que o que temos é valioso e é importante protexelo.

-Defende en «Desconhecido» unha historia de amor tinguida con moita canción protesta.

-Contar unha historia en cancións é difícil, ou o fas como nas óperas onde había partes recitativas ou tes que optar por algo máis lírico e poético. Eu busquei o sentimento de Alfonso, o meu tío avó, que supoño que tería, pero el era un home bastante esquivo que non nos ensinaba moito os seus sentimentos, agás cando bebía, que se soltaba algo máis. Moitos son as miñas vivencias postas na súa pel, vendo que a maneira de actuar del tiña un punto de protesta e rebeldía cara a sociedade que había nese momento e unhas normas sociais que non lle permitiron facer o que quería.

-Cal foi a relación para que che inspirase este proxecto?

-Coñecino dende neno, viámonos unha ou dúas veces ao ano nas festas, pero non estaba no seu día a día porque vivía só onde nacera a miña avoa e era unha persoa bastante solitaria. Cando fun rapaz comezoume a interesar a súa maneira diferente de facela vida e falo con el, pero era unha persoa moi reservada. As cousas que descubrín son de maneira indirecta e cando morre podemos entrar na súa casa de Recelle, en Lugo, e descubrir como vivía. Nesa zona está tamén Berlai, unha aldea e tamén nome da casa do meu avó, que é de onde collemos o noso.

-Berlai é grupo estable ou un proxecto persoal?

-Somos un grupo estable aínda que aos músicos dinlles a música toda acabada e como quería que soasen as cancións. Ao comezo íase chamar Xiao Berlai, pero polo recoñecemento a achega dos músicos deixei o nome de lado, aínda que sexa o meu proxecto persoal.

-De onde partiu que foxe unha proposta cunha historia ilustrada que non é algo usual?

-Estivemos buscando e non vimos nada igual, atopamos cómics acompañando música, pero non todo como disco conceptual. Quixemos que o cómic contara unha única historia e a música tamén, que dialogaran entre eles. Inicialmente ía ser un álbum ilustrando cada canción cun ou dous debuxos, pero ao final había tanta narración que vimos a necesidade de que fose un cómic. O que queriamos e darlle a xente unha escusa para sentarse a escoitar música. O ritual que había do vinilo de sentarse cos amigos a escoitar música ou facelo un só perdeuse un pouco fronte a levar a música de acompañante e argallei unha historia que me interesaba que a xente se sentara a escoitar e para darlle esa escusa falei con Ernesto e ao final quedou mellor como banda deseñada, que contextualiza mellor e da unha visión máis poliédrica.

-Canto tempo levou este proxecto?

-É curioso porque o primeiro tema fíxeno no 2010, pero andaba en Fía na roca e nunca compuxera nada con letra propia, pero cheguei a casa do velorio de Alfonso e coma unha pulsión de algo necesario vinme na necesidade de coller a guitarra e facerlle unha canción. Esa é a primeira do disco Quem pudera ter sido... Iso quedou aí, gardado no caixón, volvía a ela no tempo libre, pero non a compoñer máis ata tres ou catro anos despois e pensei que podía facer un proxecto desa idea.

-Por que o cambio de estilos como proposta?

-Contas uns sentimentos en función dunha historia que evoluciona, contas nunha canción un frechazo e noutros momentos o abandono, noutros o desespero e a loucura, noutros a morte e cada sentimento necesitaba un estilo diferente. Eu penso que o que ten o disco en todo momento é ese ambiente de ensoñación, pero os sentimentos polos que pasa o personaxe fan necesarios os cambios de ambientes sonoros.