Edelmiro López Iglesias (Bilbao, 1960) é profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e leva anos traballando en cuestións vinculadas aos fondos europeos, sobre todo no eido agrario. É unha cuestión que en Galicia ten especial importancia xa que son máis de 20.000 millóns de euros o que leva recibido desde a posta en marcha dos mesmos, segundo dicía na campaña das últimas eleccións europeas o eurodeputado socialista Antolín Sánchez Presedo.
-¿Desde cando hai fondos?
-Galicia ben recibindo fondos europeos desde que nos integramos na Unión Europea, polo tanto desde o ano 1986. O que foi cambiando foi o tipo de programas e os mecanismos a través dos cales se xestionan. Os fondos que están estes días de actualidade son herdeiros do que era antigamente unha iniciativa comunitaria que se chamaba Urban e se puxera en marcha a finais da década dos oitenta. Co paso do tempo foi cambiando a cantidade e os mecanismos de asignación e xestión deses fondos.
-¿Por que están sendo tan problemáticos estes fondos?
-Creo que a única razón é que son fondos que se conceden nun momento concentrado e ó que concorren concellos. Todos os días hai e se resolven solicitudes de axuda de empresas, que xestiona o Igape, ou de explotacións agrarias, pero iso é como unha chuvia fina de cantidades pequenas de fondos para beneficiarios que solicitan cantidades limitadas. En cambio, este é o gran paquete -estamos falando de 10 ou 15 millóns de euros-, que se asigna dunha tacada. Tamén está o propio contexto político municipal, que tamén condiciona.
-¿Teñen algún tipo de destino concreto estes fondos?
-É un programa europeo que xestiona o Ministerio de Facenda e que está destinado de forma xenérica á dinamización e rehabilitación urbano, principalmente cuestións relacionadas coa sostenibilidade ambiental e social e rehabilitación de zonas urbanas que podan estar deterioradas. Ten un ámbito bastante diverso.
-¿Coñece o caso da Coruña?
-Non, só a través da prensa. Habería que saber que baremos aplicou o ministerio e como foi o proceso de baremación, tanto aqueles que se concederon como aqueles que non. Normalmente, neste tipo de procesos dáse unha combinación de criterios técnicos e chamémoslle técnico-politicos. Ao final, despois dos informes técnicos, hai un proceso de baremación técnico-político con intervención de cargos intermedios.
-¿Van seguir estes fondos?
-Este é un programa para o conxunto de 2014 a 2020, polo tanto son fondos que se van poder conceder ata esa data e poderanse gastar ata o 2023. Vai seguir habendo novas convocatorias e paréceme que haberá unha semellante a esta en pouco tempo.