Teresa González de la Fuente, amiga, compañeira, mestra

Tonecho Álvarez Cisneros

A CORUÑA

Teresa. Nai, mestra, uxetista e socialista. A orde de factores nunca alterou o produto.

Socialista de cuna, a compañeira Teresa nace no barrio de Catro Camiños na Coruña. Sempre presumiu do seu pai, o terrible, como era coñecido, e de ser neta de cigarreira.

Teresa foi unha mestra en moitos eidos para quen a coñeciamos. Mestra de nenos e nenas en aldeas da provincia coruñesa ata chegar, como ela dicía, ao seu colexio o que coñecemos hoxe como colexio de educación infantil e primaria Ramón de la Sagra. Nel exerceu coma docente e como directora ata principios dos anos noventa. Foi membro ademais, dende a súa constitución, do Consello Escolar Municipal da Coruña.

Militante activa no Partido Socialista e na UGT, sempre estaba disposta a participar en calquera cousa para a que se lle chamase, preocupada coma poucos por todo tipo de problemática social e laboral. Amiga, compañeira e mestra.

Dixo Pablo Iglesias que «os socialistas non morren, seméntanse» e Teresa terá por sempre sementado os nosos corazóns.

Alá onde esteas, Teresa, estarás dando guerra e cariño, tal como eras para os que sentimos a túa marcha.

Que a terra che sexa leve, compañeira. D.E.P.