«Logo da tese doutoral sobre o bipartito, Quintana díxome algo da UPG que non podo reproducir»

Non o busquen por Galicia. O xornalista e politólogo xa leva meses por Ecuador como profesor universitario ao tempo que reformula as súas reflexións políticas


Logo dunha intensa actividade política con Compromiso por Galicia e defender a súa tese doutoral sobre o bipartito galego que tanto deu que falar, Paulo Carlos López (Bergondo, 1985) colleu as maletas rumbo a Ecuador, onde da clases na Universidade de Ibarra ao tempo que lidera varios proxectos de investigación. A entrevista non é sinxela para quen formula as preguntas: Paulo tamén é xornalista.

-¿Considérase un emigrante?

-Si, claro. Teño que marchar do meu país para medrar profesionalmente. Fun expulsado do sistema a pesar de ter feito o que o sistema sempre me dixo: estuda e fórmate para ser alguén. Pois ben, logo de rematar o doutorado teño que marchar. Somos milleiros os e as que estamos a emigrar.

-¿Cal é o seu labor na Universidade?

­-Son profesor a tempo completo e dou clases en Comunicación Social, o equivalente ás carreiras de Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Dirixo varios proxectos de investigación e designáronme coordinador para montar un Máster en Comunicación Política e Transparencia Institucional.

-Despediuse de Galicia cunha mediática tese doutoral sobre o bipartito galego cos dous protagonistas. ¿Que lle dixeron Touriño e Quintana tras a lectura?

-Que este traballo académico era necesario para repensar a cultura da coalición en Galicia. Dende un punto de vista comunicacional, o que lle faltou ao bipartito foi emitir unha comunicación coherente, crible e unívoca.

-Non, non... o que lle dixeron á soas, iso que aínda non trascendeu.

-Touriño díxome que fóra demasiado brando co BNG na análise. Que quen perdera o deputado pola Coruña fora o BNG. Que o PSOE resistira e que o nacionalismo levaba máis dunha década baixando en votos e que iso tiña que contextualizalo e que non valía ser equidistante repartindo responsabilidades. E Quintana díxome algo moi interesante da UPG que non vou dicir porque así mo pediu. Un xornalista sempre coida ás súas fontes.

-¿Segue tendo un compromiso coa política? ¿CxG é un proxecto a extinguir?

-Estou farto de ser politicamente correcto. Vou ser claro. CxG escolleu ser un partido pequeno e sen vocación de goberno en lugar de sumar para derrotar ao PP. O que no seu día quixo representar Compromiso, agora está en En Marea, de aí o meu apoio explícito a este espazo, con imperfeccións, claro, pero o mellor a día de hoxe. Polo que a min respecta, volverei ser claro: estou tomándome un respiro, pero non podo vivir sen implicarme. Volverei á primeira liña política máis cedo que tarde.

-Aparece no ránking de políticos sexis que lidera Alberto Garzón. ¿Conforme co seu posto? ¿Co do gañador?

-Foi un concurso da revista Vogue hai uns meses. Sinceramente non sei quen me propuxo, quen me votou nin como aparecín aló. Pero non é mérito meu, en todo caso do meu pai e da miña nai. Mellor dito, da miña nai [ri]. Quedar xusto despois de Pedro Sánchez e por diante de Pablo Iglesias está ben, pero teño que reivindicar que o das camisas azuis, abertas e remangadas xa as levaba eu no 2012 [ri]. Son uns copións. Alberto Garzón ten un estilo máis persoal e intransferible e por iso gaña. Agora en serio, menos política de imaxe e máis política de enlamarse.

-Xa pasou un ano dende a formación dos gobernos locais. ¿Como mastica o de Miño agora?

-A investidura foi o meu peor momento político. Lembro que fun aló e tiráronme céntimos chamándome «pesetero». Eu non entendía nada. Logo entendín. Non é culpa túa que te invistan alcalde se te votas a ti mesmo sempre que non haxa un acordo previo, neste caso co PP. Pero si que houbo, como ao final se puido observar. En política non todo vale. Pido perdón á cidadanía de Miño que nos votou e que se sinte enganada. Non todos somos iguais.

-¿Que é o que máis bota de menos dende Ecuador?

-O Dezaséis da rúa de San Pedro de Santiago e O Curruncho nas calexas betanceiras. Non só polos lugares, senón polo que significan: a miña familia, os meus amigos, a miña vida.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

«Logo da tese doutoral sobre o bipartito, Quintana díxome algo da UPG que non podo reproducir»