Un solemne enterro para Castelao

claudia vázquez

A CORUÑA

. MARCOS MÍGUEZ

O escritor e debuxante Siro López presenta a súa obra sobre Castelao na Academia de Belas Artes

05 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Siro López é autor de Castelao en el arte europeo, un libro no que di falar «do que nunca se falou», e que se presentará hoxe ás 20.00 na Academia de Belas Artes. Mais esta non é unha presentación ao uso, é máis ben, de acordo co escritor, un «solemne sepelio», un enterro digno para este libro, que non pasará da primeira edición trala creba da súa editorial.

«Este libro é un dos libros da miña vida, eu non quería morrer sen publicar dous libros, e este é un deles, un sobre Castelao, sobre a súa arte e o seu humor» afirma o debuxante. Castelao en el arte europeo nace do interese de Siro López en achegar a figura do intelectual galego a todo o país, de aí que se publicase en castelán.

Entre os capítulos atopamos «explicacións a cousas que nunca foron explicadas», comenta o autor. «Castelao -engade- fixo unha viaxe por Europa en 1921 para aprender a facer gravados e estudar o que se estaba a facer no mundo da arte nese momento, pero resulta que chegou a París, viu os debuxos de Picasso ou Matisse e non lle gustaron nada. Todo isto apuntouno no seu diario privado e cando este foi publicado por Galaxia, moitos atacárono alegando que non era quen de entender a Picasso, pero ninguén explicou o porque, e iso fago eu no primeiro capítulo do meu libro». Noutros capítulos atopamos tamén a influencia europeísta de Castelao coma debuxante ou comentarios sobre as conferencias que daba sobre debuxo e humor.

Este «solemne sepelio» atópase enmarcado dentro das celebracións do Ano Castelao das Artes Galegas.