Cando penses que estás só, só entre mil abrazos árticos, fríos, iglús; cando queiras agacharte baixo a mesa e chorar; cando o olvido gane as guerras e guerriñas e batallas; cando os facinerosos rouben a vista do mar, o rumor bravo das ondas, o frescor invernal caramelo lirio mandarina dos teus labios (?) Cando a nada creza, sempre quedará volver a empezar. Digo algo. Algo que apague as brasas e ruínas e feridas. Algo para querer e ser querido, intensamente. Para que desapareza a dor por sempre. Algo que escriba esta columna na profundidade toda de ti, como o río do primeiro amor correndo tenrura tenrura nas túas entrañas. Algo, un recendo talvez, que unha destas noites traia a voz dos que non están. Algo para amar e amarte. Cando penses que estás só, anda. Anda. Procura ese algo, tan simple, polo que paga a pena vivir rir sentir. Noiteboa. Nadal. Vintecatro e vintecinco rosas (decembro é un estado de ánimo) para colgar no niño do teu pelo. Territorio nostalxia. Melancolía arriba, o blues da esperanza. As filloas da avoa. As torradas de pan e leite e ovo. O turrón de chocolate. A primeira copa de anís. A infancia como un edén onde a felicidade era posible. Non estás só. Hoxe non. Eu quero estar contigo. Aínda que só sexan letras, unha columna escrita con tinta de maxia e encanto. Quen a lea ha de conxurar toda mala influencia. Os seres tóxicos non habitarán ao teu redor. A saúde reinará no reino de cada día. Regresarán as ilusións e marabillas perdidas. Levantarás a fronte e sentirás que é posible a lúa nos teus ollos. Algo. Algo que arrime cariño á túa pel, candor á túa voz, afecto entre os teus dedos. Algo polo que paga a pena vivir rir sentir. Algo.