Antonio Chouciño: «O PSOE expulsounos do pacto. Non é bo precedente»

La Voz

A CORUÑA

É informático, natural de Malpica e do ano 66. A súa vinculación coa política chegou a través das súas preocupacións sociais e preséntase como líder do BNG-Asembleas Abertas, pero sen carné. «Eu son independente», di.

-¿Cal é a base do seu programa electoral?

-O principal é conseguir a transparencia política. Agora no Concello hai paredes de formigón e queremos que sexan de crista. Queremos abrir o Concello á participación cidadá e conseguir tamén a normalización do mapa educativo no municipio.

-Supoño que fala do instituto.

-E de que hai un colexio no que se dan clases en barracóns, outro na casa do conserxe, outro que non acaba de arrancar porque non se cede a parcela...

-Vostedes xa estiveron no goberno. ¿Que aportarán de novo?

-No departamento de Servizos Sociais se fixo un bo traballo, pero quedaron proxectos a medias trala ruptura do pacto de goberno.

-¿Pactaría de novo?

-O PSOE expulsounos do pacto. Aínda esperamos que o explique. Non é un bo precedente. Con sete listas o mapa electoral é confuso. Hai múltiples casuísticas.