«Os tuneis da Mariña son como a Cidade da Cultura»

La Voz

A CORUÑA

15 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Manuel Carril se recoñece «preocupado» cos resultados das europeas, pero tamén «aliviado» porque «podería ter sido peor».

-¿E iso?

-Porque na campaña o BNG foi obxecto dun veto (nos medios públicos), que agora recoñeceu a xunta electoral, e tamén foi criminalizado ou silenciado.

-E a pesar de que teñen sona de ser o único partido da oposición que estuda os expedientes...

-(Risos) Nós entendemos que calquera crítica e alternativa ás propostas dun goberno ten que vir precedida dun estudo de toda a documentación, de modo que o que dis dende a oposición é o que farías se gobernases. Así se evitan cambios de criterio, que son os que restan credibilidade aos políticos. De aí que en política tamén hai que estudar.

-¿E non ocorre que esas críticas non chegan tanto á xente e as chuchan os outros partidos?

-Nós en cuestións claves como o Parrote, Tranvías, Nostián... primeiro facemos ese estudo e logo nos reunimos cos grupos veciñais, non nos quedamos nas institucións. Baste lembrar as máis de 2.000 alegacións á Compañía de Tranvías, ou os escritos no tema de Nostián. O BNG é un medio, non un fin. É perfecto que o traballo do Bloque sirva para que a cidadanía faga denuncias. E se sirve para que outros grupos sigan a nosa axenda, xenial. Porque do que se trata é de traballar todos na mesma dirección.

-¿Todos na «fronte de esquerda rupturista» que propón Santiso?

-Nós non descartamos nada. Pero quedan once meses e eu aínda non fun escollido na asemblea local do BNG como candidato. Non se sabe quen vai ser o candidato nin con que programa. Se isto non está, moito menos van a estar posibles pactos con outras formacións, porque é unha decisión da asemblea, non miña.

-¿Seguirían a soterrar o tráfico ata a praza de Ourense?

-Se partimos de que son obras en terreos do Porto para beneficio único e exclusivo de Copasa, non ten sentido que o Concello dilapide alí cartos que poderían ir a outras inversións, servizos sociais ou a emprego. Iso é a «cidade do Parrote» da que xa temos falado, na que mentres se fai esa obra hai barrios que non teñen nin beirarrúas e están cheos de fochancas. Eses túneles son como a Cidade da Cultura.

-¿Que hai dos 6.000 euros ao BNG que Aduanas atribúe a Vendex?

-A día de hoxe non temos identificado ao que fixo o ingreso. Estamos á espera do que saia do sumario. Non podemos identificalo porque a directora do banco non estaba presente cando se fixo o ingreso. O que si temos decidido é que si foron de Vendex ou non se pode identificar a persoa que ingresou, o BNG non vai quedar cos cartos, que foron declarados.