O mago da palabra

Modesto Fraga

A CORUÑA

21 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Apoesía é o gran milagre do mundo», escribiu Luis Pimentel nun fermoso poema do seu libro Sombra do aire na herba. E abofé que ese milagre existe, habita nos lugares do misterio, no murmurio insondábel da palabra. Os que asistimos o xoves á presentación do libro de Manuel Rivas, As voces baixas, na libraría A lus do candil tivemos ocasión de constatalo en primeira persoa. Poucas veces un poema é quen de chegar aos nosos oídos con tanta emoción e sentimento, con tanto lirismo e sensibilidade, como chegaron o xoves, un a un, os versos do mago da palabra. Escoitar a Manuel Rivas a viva voz é viaxar na máquina do tempo, sentir o seu eco imperceptíbel, luminoso. Porque a palabra é vida, alento, esperanza. Boh, que así se titula o poema co que Rivas decidiu pechar un acto inolvidable e, á vez irrepetible, non é soamente un texto poético escrito desde o corazón, desde a «boca da literatura», como adoita dicir o autor de As voces baixas, senón unha viaxe ao corazón da memoria, un elevado tributo a quen amou a vida «desde as rutas do esterco e máis das algas». Ler e sentir As voces baixas é, sen dúbida, unha das experiencias máis emocionantes. Porque este libro é vida, memoria, verdade. Se o tedes gardádeo ben, pois ilumina.