Fotografou 38 das luminarias máis significativas da costa galega, para que sirvan como reclamo cara o seu territorio
02 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O fotoxornalista Xulio Villarino (Foz, 1969) presenta hoxe, as 20 horas, na Fundación Caixa Galicia e dentro dos actos programados da Feira do Libro, Finisterraes. Los faros de Galicia, a súa última obra, editada pola editorial Primera Persona, e na que investiu dous anos para mostrar as 38 principais luminarias do litoral de Galicia. Supón un percorrido desde Ribadeo a Baiona, e trátase dun traballo fotográfico que abarca de maneira sistemática os faros máis importantes da comunidade. O autor, que conta con numerosos galardóns no seu currículo, dedica o libro aos que algunha vez miraron desesperadamente o mar.
-¿Como xurdiu o proxecto?
-Eu vivo en Bares, e a menos de dous quilómetros está un dos faros máis importantes de Galicia, e para os que vivimos aquí é un símbolo. Baixo esa influencia e co feito de ter traballado pola costa de Galicia centreime neles, aínda que non na arquitectura dos faros, senón na épica da paisaxe, das finisterraes, onde eles están asentados. Os faros non deixan de ser unha pequena escusa para fotografar esas paisaxes, ao final son eles os que se erixen en protagonistas.
-¿Dous anos non é moito tempo para dedicarlle a este traballo?
-O proxecto foi o que levou ese tempo. Están moi distantes entre eles e pódese ver que se fixeron distintas fotos para escoller distintas luces e tamén levou tempo o facer as aéreas.
-¿Cal escollería deses faros?
-Téñoo moi claro, o das illas Lobeiras, estou namorado dese faro. Non o coñecía de feito cando comecei este traballo. Está no medio da ría de Corcubión, nun arquipélago de rochas, entre Fisterra e o monte Pindo. Son unhas illas de cantos rodados xigantescos e cando te achegas ves unha praia pequena e unha casa-faro moi integrada, como se houbese nacido alí. Ten un embarcadoiro antigo e é un sitio precioso e moi descoñecido en Galicia. É difícil de coñecer porque está moi illado e os accesos a el son difíciles.
-¿A utilidade dunha obra tan gráfica, máis aló da estética?
-Ademais de que eu vivo desto e preciso vender o libro, como fotógrafo quero amosar o meu punto de vista a un universo e a unha cuestión que me interesou, como son os faros, e tamén ten o obxectivo moi claro que é conseguir que quen vexa o libro queira recorrer esa ruta máxica. Que vexan o que hai e que se queiran achegar un pouco a coñecer esta terra tanto os galegos como os de fóra.