«Farei algún cesto toda a vida»

Patricia Blanco
patricia blanco REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

Dolores Tourón, cesteira que viaxa por galicia recuperando técnicas tradicionais

10 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai uns quince anos, cando Dolores Tourón (Lóuzara, Samos, 1970) quedou no paro, arrimouse á cestería. Acabou dando cursos por toda Galicia e ségueo facendo, cos dedos xa algo resentidos de tanta peza. Emprega técnicas tradicionais -gústalle moito a do colmo, con palla e tona de silva-, pero traballa tamén unha cestería que está a xurdir por toda Europa: a de reciclaxe. Con pezas que trae o mar, con anacos de plástico, tapóns de botellas, fíos de cobre ou mesmo de teléfono. Con este oficio, ademais de andar por Galicia, pasou por Francia e participou nalgunha xuntanza internacional: en Dinamarca, por exemplo. No 2005, en Pinolere (Tenerife) quedou «alucinada»: «Imaxina, noventa e pico postos só disto...». En setembro haberá outro encontro de artesáns, en Polonia.

-¿Recuperarase isto?

-Hai máis interese pola cestería agora que cando eu empecei. Non é tanto unha recuperación, senón unha adaptación. Recuperala sería imposible, porque o traballo de cestería está relacionado co traballo no campo, cunha parte da nosa cultura que desapareceu. Ao cesto substituíno o plástico, pero o que buscamos é manter viva, tamén con publicacións, a memoria dun tempo, de cando se precisaba un cesto para cada cousa.

-¿Pensara algunha vez en acabar sendo cesteira?

-Nunca. Pero cando quedei no paro e comecei nisto, namoreime da cestería. Engancha. Eu digo que ten propiedades terapéuticas. No 2000 solicitei a carta de artesán e foime concedida, así que empecei a moverme por Galicia, recollendo pezas de cesteiros maiores que xa nin traballaban. Atopei moito en Bergantiños, en toda a Costa da Morte. Pero moitas daquelas persoas xa morreron. Sorprendeume localizar zonas, como A Laracha, onde se usaba a técnica do colmo, igual que aquí en Samos. Galicia é un museo vivo.

-¿Ten demanda de cursos?

-Afortunadamente si. E hoxe en día xa hai bastante xente formada nisto. Incluso nova. Cando empecei, non. Non é verdade iso de que os mozos non se interesen por isto. Teño traballado en colexios, incluso en escolas unitarias, coma en Cabana, en dúas ocasións, e é fantástico, moi agradecido. Ando por toda Galicia, vou a onde me chamen. A Cabana, por exemplo, levo indo seis anos consecutivos, e iso é de agradecer. Xa hai xente que agora traballa alí. No Couto teño feito tamén algunha exposición.

-¿Vive dos cestos? ¿Pódese?

-É moi difícil. Non ten case gastos, ao contrario, por exemplo, que a cerámica [na que tamén traballou e ten formación]. Recolles material silvestre e, cunha navalla, arránxaste. Eu vou á praia, collo o que bota o mar fóra e volvo á casa coa furgoneta cargada. O problema é que fas pezas, pero non se venden. Non podemos competir cos todo a cen, cos mercados asiáticos... Tamén hai cesteiros de antes que seguen facendo algunha peza, pero que non viven disto, así que as venden en feiras a prezos moi baixos. Hoxe en día non é coma antes, cando precisabas cambiar os cestos a miúdo: agora a xente quere o cesto para telo coas mazás na cociña, así que mercas tres pezas na vida e xa está.

-Pero vostede seguirá, ¿non? Ter o poder de tanta tradición nas mans... ¿que futuro hai?

-Ser autónoma esixe ser unha superwoman, controlar de todo: facer a recollida, o traballo, a propaganda... Ás veces penso que isto se vai acabar, porque as cousas que non se usan extínguense, pero logo reflexiono sobre a riqueza de pezas e materiais que temos e penso que non, que isto terá que evolucionar, ir cara novos usos e mercados, cara á arte. As chamadas esculturas vivas, por exemplo. Así que non sei se seguirei sempre con esta profesión, pero o que si sei é que farei algún cesto toda a vida. É un traballo que se fixo dende que o home é home, quizais o primeiro oficio segundo os antropólogos. Por tanto, digo que se a cestería chegou ata aquí, tamén tirará cara adiante.

dolores tourón cesteira que viaxa por galicia recuperando técnicas

«Namoreime da cestería, engancha. Ten propiedades terapéuticas»