Así, como se fose certo que arribou a primavera -flor a flor-, permite que o sol lingua por lingua adiviñe a desazón dos teus poros. Abre o corazón. Permite que os pasos de marzo conduzan a un abril sen estridencias, sen mentiras, sen redes sociais que substitúan un abrazo por corenta palabras. Sae á rúa. Ao bar. Pide que alguén te abrace. Non ves que o ordenador non sabe abrazar, nin sentir, esta máquina estúpida que só obedece as túas ordes. Permite que a felicidade non sexa virtual. Tócate, toca. Ama, profundamente. Digo que non penses qué pode pasar mañá, que grites mil veces que a vida é tan linda como aquela canción que ninguén cantou para ti: por tu amor que tanto quiero y tanto extraño que me sirvan una copa y muchas más. O mundo divídese entre os amantes/amados e os patriarcas do rancor. ¿En que lado queres vivir? Permite que non digan o que tes que facer, pensar, sentir. Permite que a chuvia non chova no teu adentro. Permite que o olvido faga o seu traballo e que non doan máis as risas dos amigos perdidos, dos amores perdidos, dos versos perdidos. Permite que non regrese o desencanto coa súa tenda de campaña, nin a depresión, nin a obsesión pola saúde, nin as preocupacións polo futuro, nin os ollos indómitos da ambición. Non te entregues. Debes ser ti, só ti, ninguén máis ca ti. Permite que a liberdade sexa a única consigna nesta primavera que tanto escriben os poetas: eu sei que a primavera, ás veces, é o recordo duns ollos que miraban grandes e doces. Permite que esta columna exerza a súa terapia, ou sexa, que vivas. Hoxe, mañá, sempre... coa primavera arrimada aos teus labios. De flor.