Tiña gardado este segredo, pero confeso que eu tamén son okupa desde hai 47 anos. Non había outra saída porque só tiñamos dúas opcións: ou o Frente de Juventudes de Falange ou a igrexa; así que decidimos, coa complicidade de curas progresistas, ocupar os locais parroquiais para crear a asociación xuvenil San Inazio OAR no meu barrio de Bilbao. Ocupamos en 1964 a Escola de Enxeñeiros Industriais para acabar co SEU, que era o sindicato falanxista da ditadura. En 1968 ocupamos o comedor da Universidade Laboral de Alcalá de Henares e 2.000 becarios protagonizamos unha movilización que deu lugar ao recoñecemento dun Consello Intercolexial.
Eran tempos de ocupación de todo tipo de locais para desenvolver unha actividade social, sindical ou política, que estaba prohibida. Ocupamos os sindicatos verticais, a Casa do Bispo en Ferrol, a Asociación Católica de Mestres na Coruña, coa axuda de Manuel Espiña. Ocupamos a rúa Estrela o 14 de abril de 1977, para facer propaganda da República e acabamos durmindo na comisaría. Fixemos todo isto a cara descubierta, sen romper un cristal, seguindo o manual dunha política de masas: sumar e non restar.
Pero estamos en 2011 e esta democracia tan imperfecta que temos permite que ocupemos espazos e centros públicos, que son nosos e pagamos cos nosos impostos. Hoxe podemos ocupar e usar o Paraninfo da Universidade, o Teatro Rosalía, a Casa Casares Quiroga, o Coliseo e numerosos locais municipais; podemos ocupar os xardíns da avenida de Navarra para levantar un memorial ás vítimas do franquismo... Ocupar hoxe un baixo privado durante dous anos creo que é unha actitude pouco ambiciosa e conservadora, con todo o respecto para as persoas que traballan con entusiasmo para promover todo tipo de actividades; o revolucionario hoxe é apostar pola ocupación permanente, é dicir, poñer en valor os miles de metros cadrados de 25 centros cívicos e de numerosos locais municipais, do vello cárcere provincial ou, no futuro, do cuartel de Atocha.