O metro lixeiro

Manuel Monge

A CORUÑA

10 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Volve a estar de actualidade o transporte metropolitano coa promesa de poñer o billete único no autobús. Todo isto está moi ben, pero non debemos esquecer o tren de proximidade. Di un amigo que a mellor xustificación cando non hai vontade política para executar unha obra é facer moitos proxectos ou firmar convenios. Isto é o que están a facer desde hai dez anos o PSOE e PP co metro lixeiro da Coruña e co tren.

O primeiro estudo de metro lixeiro é do 2000, cando Francisco Vázquez presentara un proxecto que aproveitaba o tranvía turístico para deseñar dúas liñas, cun presuposto de 120 millóns, que entraría en funcionamento en 2007. Despois de que Busquets propuxese tres liñas e reservar un carril da terceira ronda, cousa que non se fixo, a Consellería de Ordenación do Territorio de Touriño presentaba en febreiro de 2009 un proxecto de viabilidade cun presuposto de 161 millóns e un prazo de execución de cinco anos. Era un mal proxecto porque non conectaba A Coruña coa área metropolitana, os polígonos, o hospital, a universidade e Alvedro.

O PP reconquistaba a Xunta e non podía quedar atrás, así que anunciaba outro proxecto cun presuposto de medio millón de euros que se presentará en 30 meses para comenzar as obras despois de 2012. Xustificábano porque o anterior era «deficiente». Pero agora di Rodríguez Bugarín, director xeral de Mobilidade, que non estará antes da chegada do tren de alta velocidade, é dicir, despois de 2016, cando Carlos Negreira prometera no 2009 a súa posta en marcha para 2011.

Non entendo por qué Fomento non está máis comprometido co financiamento deste metro lixeiro, como fai en Granada, Málaga, Alacant, Xixón ou Tenerife, onde asume o 50% do investimento, o 35% as comunidades autónomas e o 15% os concellos.