O nacionalista di que para evitar a fuga de compañías aéreas sería «bo e máis?barato ter unha propia» que, di, podería chamarse «Air Galicia ou Air Coruña»
26 may 2008 . Actualizado a las 14:36 h.«Positivo, pero non triunfalista». Así define Henrique Tello (Corcubión, 1951) o seu primeiro ano con responsabilidades no goberno da cidade. A inauguración do recinto feiral, o próximo acordo coa Xunta para potenciar Alvedro, o foro de participación cidadá, a ordenanza do botellón ou a baixada do prezo do bonobús son algúns dos «logros» dos que se sente «orgulloso», aínda que espera que os presupostos do 2009 «reflictan un cambio importante na cidade» tras este «período de aprendizaxe».
-Fala vostede de apoio da Xunta a Alvedro. Concréteo.
-Haberá 250.000 euros este ano, e o que vén será superior.
-¿Sabe canto lle dá a Xunta a Lavacolla?
-Sei que poñía máis dun millón en Ryanair.
-¿E canto a Alvedro?
-Ata a chegada do BNG ao Concello, nada.
-¿Por que non foron quen a Xunta e o Concello de frear a marcha de EasyJet?
-Que quede claro que lamento a marcha de EasyJet. Tiven quince reunións con eles e se me dixo que marchaban porque aquí non hai masa crítica.
-Entón, ¿por que viñeron?
-Para investigar o mercado.
-E vostede non asume responsabilidade na súa marcha.
-Nunca será responsabilidade municipal que unha compañía marche. Fixen o imposible, fixemos unha campaña publicitaria, pero nada, non había posibilidade de negociación...
-E cando marcha, vostede di que as aeroliñas que quedan ofrecen prezos similares.
-Non. O que advirto é do perigo de apostar por liñas que apostan por rendibilidade...
-Pero é que todas apostarán polo mesmo.
-Non, porque hai algunhas que admiten convenios.
-Pero este ano non virán liñas novas.
-Este ano vivimos un proceso de fusións e é moi difícil que as compañías tomen decisións.
-¿E hai garantías de que veñan algún día?
-Temos o hándicap da masa crítica, de ser poucos habitantes.
-¿Frústrao esta situación?
-Si, en canto que nos mereciamos un plus a nivel de aeroporto porque é o único que temos. Temos una liña de ferrocarril moi mala. O aeroporto é a salvación das comunicacións para A Coruña.
-Falando do bo trato que terá a Xunta, ¿pedirá o pago da «débeda histórica»?
-Si. Deberemos ter unha situación de igualdade.
-¿Vixiará o que gasta a Administración autonómica noutros aeroportos?
-Eu reclamarei da Xunta o máximo apoio. O máximo.
-Hai quen di que debería vostede responsabilizarse da marcha de EasyJet.
-¿Pero como se pode dicir iso? É como se se me responsabiliza da morte do anterior Papa. Supoño que será por descoñecemento. Eu pódolle dicir unha cousa: talvez nos últimos anos non hai ninguén que fixese tanto por Alvedro. E afortunadamente, agora hai un voo de Spanair máis.
-Pero máis caro que EasyJet.
-Por iso trataremos de que volva. EasyJet ten as portas da Coruña abertas. Se dependese de min, Alvedro funcionaría mellor, porque me estaría plantexando que sae máis barato e sería máis bo ter unha compañía propia.
-¿Pero o di en serio?
-Alimentarei calquera idea. Podería chamarse Air Galicia ou Air Coruña, creo que podería funcionar, con apoio público e privado, coa Xunta e os tres aeroportos. Sería unha boa solución para non competir con ninguén, senón defender o propio.
-Vázquez propuxo algo parecido, Air Paco.
-Eu creo que foi un chiste que lle quitaron nun momento determinado e creo que non o plantexou coma min. Se tivera levado as negociacións en esa dirección, posiblemente hoxe ao mellor teríamos unha compañía.
-Pero as outras aeroliñas poden enfadarse...
-Non sei, pero se as que hai marchan, hai que reaccionar.