«A construción da vía Ártabra comezará en Oleiros no 2008»

La Voz

A CORUÑA

O secretario xeral respondeu onte en lavoz.es ás preguntas dos internautas; moitas, referidas ás infraestruturas da área coruñesa

13 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

As obras da Vía Ártabra, a construción dunha ponte sobre a ría que una A Coruña e Oleiros ou a seguridade viaria foron algúns dos temas dos que falou o secretario xeral da Consellería de Política Territorial e Coordinador do Plan Integral de Seguridade Viaria de Galicia, Luís Vázquez, para responder ás preguntas dos internautas durante o encontro dixital que onte mantivo con eles a través de páxina web de La Voz de Galicia. Estas foron algunhas das preguntas que lle formularon os participantes:

-¿Para cando estará feita a vía Ártabra?

-Os procesos de construción dunha vía de alta capacidade, sendo moi áxiles, requiren un mínimo de catro anos. Este goberno afronta a súa primeira lexislatura e, dentro dela, concretamente no ano 2008, darán comezo as primeiras obras desta importante infraestrutura para a comarca da Coruña. O tramo de Oleiros dará comezo no 2008 e o tramo de Cambre sairá a información pública o seu estudo informativo no prazo aproximado dun mes.

-¿E para cando a ponte entre A Coruña e Oleiros?

-As infraestruturas vertebradoras do territorio de Galicia están sendo estudadas con rigor dentro dun proceso de planificación do Plan de Infraestruturas de Galicia, o que poderíamos chamar o plan de estradas galego. Será polo tanto o Plan de Infraestruturas de Galicia, que será presentado nos primeiros meses do 2008, quen precise a posible inclusión de actuacións do nivel da que estamos a falar.

-A vertebración de Galicia no tema de comunicacións, ¿non debería facerse ao tempo que as infraestruturas internas nas grandes áreas metropolitanas?

-Estamos planificando a rede de estradas de Galicia 2008-2020, pero ao mesmo tempo estamos executando con toda celeridade un programa de investimentos de 780 millóns de euros ao ano dende Política Territorial. Iso, engadido aos máis de 1.500 millóns que no 2008 investirá Fomento, permite afrontar actuacións de reequilibrio territorial con redes que comunican as grandes cidades e as intermedias e, ao mesmo tempo, actuar sobre as áreas urbanas e metropolitanas, que é onde están os problemas máis graves de tráfico e mobilidade de Galicia.

-¿É verdade que Ikea non abrirá na Coruña polo retraso das obras da terceira ronda?

-A colaboración da Consellería co Concello da Coruña podemos cualificala de exemplar. Durante 16 anos de goberno do Partido Popular non se afrontou un solo metro de construción da terceira ronda. Neste momento están xa contratados dous dos tres tramos autonómicos e no 2008 quedará contratado o terceiro, no que se prevé a dimensión necesaria de enlaces e ramales para garantir a fluidez do tráfico para os centos de miles de coruñeses e, ao mesmo tempo, o acceso a zona comercial onde podería instalarse Ikea. A suma de esforzos do Concello da Coruña, da Consellería e dos empresarios vai facer posible a fluidez do tráfico, a execución inmediata da terceira ronda e a garantía dun dimensionamento que facilite a instalación de empresas. Nos próximos días anunciaranse medidas adicionais de apoio que deixarán ben claro o compromiso e a colaboración entre Concello e Consellería en beneficio da área metropolitana da Coruña.

-¿Pensan aportar solucións ao problema de perigosidade que supoñen as bandas quitamedos para os motoristas?

-A Consellería está estudando e executando actuacións para mellorar e garantir a seguridade dos motoristas. É consciente das necesidades específicas dos motoristas, está a implantar vallas de seguridade e estudando os deseños precisos para que as bandas sexan das características necesarias. Están implantándose en todas as estradas de nova construción e substituíndo as existentes priorizando aqueles puntos que se consideran de maior perigo.