Asegura que os novos baremos serviron para reducir as trampas de outros anos
11 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Licenciado en Xeografía e Historia, foi mestre en varios institutos e chegou a dirixir os IES de Barallobre, de Fene, e o Centro Integrado de FP fenés. No 2005, José Manuel Mouriz Cabalo (Lugo, 1961) abandonou a docencia para traballar na Xunta; primeiro como subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, e logo como subdirector xeral de Centros. Hai case dous meses foi nomeado delegado provincial de Educación, en substitución de Pedro Armas; entón comezou un duro traballo no que o seu obxectivo é «ter moi ben planificada a escolarización da provincia de cara ao futuro».
-¿Como foi a aterraxe na delegación?
-Foi unha aterraxe difícil porque o curso estaba xusto comezando. Atopeime con todos os problemas do inicio do curso, darlle solución a distintas continxencias, e complicouse un pouco o tema do primeiro contacto.
-¿Hai moitas diferenzas entre o posto que ocupaba antes e o de delegado?
-O traballo é diferente, é máis intenso e desbordante. Aquí está toda a problemática do día a día. Entrar na delegación é situarse na primeira liña de fronte, o traballo é dunha intensidade desbordante e case non hai tempo para analizar uns problemas, porque xa hai outros que están petando na porta. O traballo na delegación abrangue todo o que é a consellería na túa provincia, non estás só centrado nunha faceta concreta, senón que tes que abordar todos os aspectos da Consellería de Educación no teu ámbito.
-¿Cales foron os principais escollos que atopou á súa chegada a este posto?
-Os problemas tiveron que ver cos problemas habituais do inicio do curso, coa falta de prazas de alumnado, profesores, persoal de administración e servizos, os comedores e o transporte. Sen embargo, estas incidencias só se rexistraron en menos do 5% dos 650 centros educativos que hai na provincia, o que supón 20 ou 30 centros, pero este problemas sempre se magnifican. A análise indica que hai unhas pequenas distorsións que non supoñen un valor negativo. De feito, estamos moi satisfeitos con este inicio do curso, ademais, tendo en conta que era o primeiro de aplicación da Logse.
-¿Algún ano será posible comezar o curso sen ningún tipo de problema?
-Ás veces hai erros, porque todos somos humanos. En ocasións, cando se fan peticións de profesorado se esquecen dalgúns datos, ou nós nos equivocamos ao facer o reconto e as cifras non coinciden. Existe certa marxe de erro.
-Este ano parece que non houbo tantas trampas para matricular aos nenos nos centros elixidos polos seus pais, e non onde lles correspondía. ¿Acabaron este tipo de irregularidades?
-A nova normativa establece criterios de prioridade, onde se valoran a proximidade do domicilio familiar ou laboral, a renda e a existencia de irmáns no centro. As medidas para acreditar estes baremos fixéronse do xeito máis correcto e transparente posible. Parece que a cidadanía se deu conta do esforzo da nova norma e respondeu de maneira correcta aos cambios, o que non significa que siga habendo certas irregularidades que trataremos de corrixir.
-¿Cales son os seus obxectivos de futuro nesta delegación?
-O meu obxectivo é ter moi ben planificada a escolarización da provincia. Facer una análise exhaustiva de cada concello e das súas necesidades, tendo en conta o crecemento que están experimentando certos concellos, mentres que outros quedan estancados. Grazas a esa análise poderemos anticiparnos e dar solucións.