«Vou manter o pacto co BNG e o PSOE todo o mandato»

Manuel Costoya
Manuel Costoya A CORUÑA

A CORUÑA

Entrevista | Juan José Rocha Afirma que as súas relacións con Santiso Miramontes «non son malas», cre que o PP non se portou ben con el e espera que a Xunta aprobe canto antes o PXOM

28 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?uan José Rocha Carro é o alcalde de Abegondo, tras abandonar o Partido Popular polas súas diferenzas con José Antonio Santiso Miramontes e formar a Agrupación Progresista de Abegondo, coa que logrou catro concelleiros. Grazas ao apoio do BNG e do PSdeG-PSOE goberna neste concello. -¿Como é a relación cos novos compañeiros de coalición? -Eu lévome ben. Aquí do que se trata é de facer cousas, de ser coherentes e claros e non andar con medias tintas. O comportamento do PP comigo non foi bo, e deixa moito que desexar, pero non estou enfadado con ninguén. Eu adoptei unha decisión que era bastante fácil de tomar. -¿Será duradeira a relación cos nacionalistas e socialistas? -Vou manter o pacto co BNG e o PSOE todo o mandato. Seguirei con eles porque eu non fago acordos para 15 días. -¿Que opinión ten da limitación de mandatos para os alcaldes e cargos públicos? -A miña opinión é que debería ser de obrigado cumprimento. Dous mandatos, oito anos e deixar o cargo. Non abandonar a política, exercer outro cargo e coa opción de botar unha lexislatura en branco e ter a oportunidade de volver. Porque, se non, xurden os problemas que estamos vendo. -¿Vostede está disposto a facer iso? -Eu estou disposto a facelo; non vou quedar nin doce nin quince anos, como fan outros. -¿Cal é a súa principal preocupación nestes momentos? -Abegondo comeza unha nova etapa non porque sexa eu alcalde, senón porque a tiña que comezar. Eu ofrezo máxima colaboración ás institucións e administración, pero denuncio publicamente o que outros alcaldes non se atreven a dicir: o tratamento que está tendo a Xunta a nivel de xestión e coordinación urbanístico é nulo. Sentímonos desamparados, xa que levamos trece meses agardando polo informe inicial sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que é vital para o noso desenvolvemento. Neste planeamento se nos van requirir modificacións lóxicas, e este goberno as aceptará e haberá colaboración. Do que estou farto é da burocracia que se gasta nestes procedementos e ter que interpretar o que interpreta unha terceira persoa, e andamos de papeliños dunha mesa a outra, sen ser capaces de sentarnos. -¿Que reclama vostede? -Eu reclamo que o Plan Xeral de Ordenación de Abegondo se tome coma unha preferencia. Os veciños necesitan que a Xunta defina que papel ten que representar este concello na área metropolitana. A lentitude de resposta da Xunta é abrumadora, levamos esperando 13 meses, pero pasa con todos os concellos algo semellante. Hai una carencia absoluta de medios humanos. -Nesta situación, ¿cales son os principais proxectos para este mandato? -Que comece a funcionar a nova depuradora xa concedida pola Xunta, que vai dar cobertura á zona occidental do concello, e que se compartirá con Carral. Tamén se beneficiarán logo dela as parroquias de Figueroa e Sarandós e Montouto. Amais, temos que contar neste mandato cunha nova gardería, un centro de día da terceira idade e poñer as bases urbanísticas para San Marcos. Temos que sanear os núcleos de poboación do contorno do encoro de Cecebre. Tamén hai unha proposta seria de ter unha saída da autoestrada na zona sur, vencellada á creación dun parque tecnolóxico que daría cobertura ao polígono industrial de Meirama, e aos núcleos urbanos de Carral e Mesía. -Rematamos pedíndolle un prognostico. ¿Será un mandato tranquilo ou sobresaltado. -Sobresaltado non ten por que ser, nin tranquilo tampouco. Estou seguro de que aquí se van facer grandes proxectos. Estamos xogándonos as bases para facer un Abegondo moderno, planificado e ordenado, que se pareza a un pobo grande e non a unha pequena aldea.