«Hai serias posibilidades de que Sacristán perda a maioría»

Entrevista | Raquel Jabares Fernández A cabeza de lista do Bloque concorre ás eleccións do 27 de maio coa aspiración de formar goberno e co compromiso de ter en conta aos veciños á hora de poñer en práctica o seu proxecto


a coruña

Culleredo é o gran bastión socialista da comarca, algo que Raquel Jabares Fernández (1977) aspira a cambiar o vindeiro 27 de maio. Para a candidata do BNG, o proxecto do PSOE para o municipio «vive de rendas», en contraposición ao que representa a lista electoral do Bloque, cun equipo de «xente nova, pero con experiencia», asegura. Un dos aspectos dos que está máis satisfeita é que «nos primeiros cinco postos imos tres mulleres, e iso que xa estaba aprobada hai tempo, porque nós non necesitamos ningún imperativo legal». -Pois nós aspiramos á Alcaldía. Presentamos unha lista gañadora e con capacidade para gobernar, e hai serias posibilidades de que Sacristán perda a maioría. -Hai quen a acusa de querer só entrar no goberno. -Non vou valorar opinións de candidaturas que non coñezo. Estamos moi centrados no noso programa. -¿E non contempla pactos despois das eleccións? -Temos claro que imos facer o que mande a cidadanía. Presentamos un proxecto que é o mellor para os veciños, no que eles mesmos están a participar activamente. -¿Que valoración fai das outras candidaturas? -Prefiro asegurarme do meu. As candidaturas independentes non teño claro a onde van e de onde veñen. Da do PP non vou falar, e a do PSOE leva moito tempo no goberno e ten un proxecto esgotado. Agora, o que toca é que goberne o BNG, porque a xente ten ganas de cambio. -¿En que o nota? -No traballo que fixemos cos veciños. Nestes catro anos posibilitamos que se abrise o Concello á cidadanía e que se escoitasen as súas propostas. O noso goberno vai ir nesa liña, vai ser un Concello sen portas e transparente. As tebras de agora teñen que disiparse. -¿Que máis van transformar en Culleredo se gañan? -O noso programa ten dous piares: os servizos sociais, no máis amplo senso, e a ordenación do territorio mediante un urbanismo sostible. O problema de Culleredo é que os veciños non están ben: a ría cheira, tardamos 45 minutos en chegar á Coruña, os nenos do Burgo teñen as escolas na outra punta do concello, Alvedro provoca moito ruído... -O aeroporto é un punto de debate continuo. -Non se pode politizar esa cuestión porque está en xogo a vida dos veciños, que están desamparados no tocante a este tema. Nós solicitamos que Alvedro sexa declarado aeroporto urbano para que non se poida ampliar. Sacristán non se opuxo, pero non sabemos cal vai ser a súa postura despois do 27 de maio. -En canto á outra gran infraestrutura que afectará ao municipio, o AVE, ¿cal vai ser a posición do BNG? -A Culleredo aféctanlle todas as grandes infraestruturas da área: aeroporto, autoestrada, autovía, tren, terceira rolda... Somos moi solidarios. No tema do AVE, o BNG fixo de goberno cando aínda non o era facendo chegar o proxecto aos veciños, aos que imos axudar nas alegacións. O AVE é unha infraestrutura básica para que Galiza avance, e é un prezo que vale a pena pagar. O noso posicionamento vai ser o mesmo en xuño.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Hai serias posibilidades de que Sacristán perda a maioría»