Unidade Veciñal critica a Emalcsa pola «abusiva» suba da auga

Dolores Vázquez A CORUÑA

A CORUÑA

CASTRO PARÍS

Carral Estima que o incremento é do 50,14% e di que non está xustificado Acusa a empresa de non mellorar o suministro nin facer investimentos

06 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Unidade Veciñal 26 de Abril iniciou o reparto de folletos no municipio para expresar a súa indignación polo que considera un excesivo aumento por parte de Emalcsa do recibo da auga, que foi apoiado no último pleno cos votos en contra deste grupo, a abstención do PSOE e o voto a favor do goberno local e a edil Estefanía Barral. O voceiro de Unidade Veciñal, Lois Anxo Ferreiro Bestilleiro, asegura que o prezo mínimo o trimestre pasa dos 6,84 euros más IVE aos 10,27, o que suporía un incremento do 50,14%. Considérao un «escandaloso abuso» e lembra, con sorna, que mentres os soldos dos traballadores increméntanse só nun 2,5%, polo que esixe ao resto dos concelleiros que asuman a súa responsabilidade por permitir esta suba. Lembra que Emalcsa pasou, fai dous anos, a asumir a xestión do subministro e «non mellorou o servizo de cando o levaba directamente o Concello». O representante de Unidade Veciñal cuestiona que «colleran a concesión e que agora digan que o servizo é ruinoso». Asegura que o incremento non se pode vincular aos investimentos feitos en mellorar a rede. «A actuación máis importante que son uns cambios de conducións faise cun plan da Xunta, cartos que se poderían investir noutra necesidade», matiza. Ferreiro Bestilleiro critica tamén que o concello conte cunha planta de captación e depuración, a de Cañás, e que en vez de compensacións se propoña pagar máis polo servizo. A publicación de Unidade Veciñal, coa que intentan que a cidadanía se informe sobre o acordo plenario e presente as súas queixas ante o goberno local, recolle un gráfico co prezo do mínimo da auga ao trimestre en outros concellos da comarca, no que se resalta que só Sada ten un prezo superior trala suba acordada no último pleno. As tarifas que se recollen son un mínimo ao trimestre de 7,63 euros en Oleiros; 8,23 en Cambre; 9,43 en Culleredo; 9,7 en A Coruña; 9,86 en Arteixo; e 14,61 en Sada.