PLAZA PÚBLICA | O |
24 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O balance que vén de presentar Aena sobre o tráfico dos aeroportos no 2005, presenta para Alvedro aspectos positivos, luces, que hai que subliñar, pero tamén hai sombras que debemos ter en conta para que o avance do noso aeroporto non sexa flor dun día, senón un despegue definitivo. Os 852.325 pasaxeiros de Alvedro en 2005 non só son unha marca histórica para o aeroporto, senón que representan, con respecto a 2004, o maior avance porcentual (45,4%) dos tres aeroportos galegos, moi por riba de Lavacolla (16,6%) ou Peinador (21,6%). Este ano podemos superar a barreira do millón de pasaxeiros. Pero se analizamos o peso relativo no conxunto de Galicia, Alvedro tivo un retroceso. No 2001, representaba o 24,1% do total, Lavacolla o 46,98% e Peinador o 29,01%. Hoxe representan o 22,4%, 48,45 e 29,14 respectivamente. A diferencia entre Peinador e Alvedro no ano 2001 era de 136.448 pasaxeiros, que hoxe é de 256.393. Case se duplica. Outro aspecto importante é o tráfico de mercadorías, que tamén xera riqueza. Alvedro retrocede, respecto ao ano pasado un 21,6% e só move 422,7 toneladas, mentres Peinador sube un 32,4% e chega a 1.363 toneladas, tres veces máis que o noso. E agora toca falar de futuro. Alvedro é fundamental para o desenvolvemento económico da comarca e merece o apoio de todas as forzas políticas, económicas e sociais; debe ser un obxectivo colectivo, proxecto común, que debe quedar ao marxe da loita partidista. Hai que recuperar a unanimidade que sobre o tema xa manifestou nalgunha ocasión o pleno da corporación municipal. Esta unidade debe manifestarse tamén na esixencia ao Goberno de España do cumprimento das promesas: instalación do ILS e outras melloras nos prazos previstos; comunicar a autoestrada A-9 con Alvedro, que ten un atraso de máis de dez anos. Hai que abrir novas rutas que comuniquen en vos directos a Alvedro coas principais capitais europeas e con Zaragoza, Andalucía e Levante, tal e como anunciara o alcalde. E, por último, desde Alvedro deben operar tamén algunhas das compañías de baixo custe, que, non esquezamos, van a traer a Lavacolla este ano máis de 200.000 turistas. Lembremos que o aeroporto de Xirona, grazas a estas compañías, hai tempo que superou os dous millóns de pasaxeiros. Debemos traballar na perspectiva do ano 2012 porque nesa data o enlace da Coruña con Madrid por tren poderá facerse en pouco máis de tres horas e é previsible un descenso de 300.000 pasaxeiros nas rutas de Alvedro con Madrid e outras capitais. Manuel Monge es concejal del BNG en el Ayuntamiento de A Coruña