En dous minutos | Torcuato Teixeira Despois de algo máis de cinco anos no cargo, o patrón maior da Coruña ten previsto presentar hoxe a súa renuncia. O seu futuro está na nova organización PescaGalicia-Arpega-O Barco
30 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?orcuato Teixeira (Celeiro, 1965) convocou para hoxe unha asamblea extraordinaria do cabildo para presentar a súa demisión. Asegura que renuncia porque ser patrón maior é «incompatible profesionalmente con outros cargos». -¿Cales son eses postos que vai ocupar? -A presidencia da organización de Productores Pesqueros de Galicia PescaGalicia (OPP31) e a secretaría xeral da comisión de arrastre de litoral da nova asociación. -¿En que estado deixa a confraría? -Non a deixo, porque seguirei nos órganos de goberno. -¿Canto lle quedaba para completar o mandato? -Un ano. Tiña a idea de cumprilo, pero non podo estar ao mesmo tempo en varios sitios. -¿Lembra aínda as tensións co sector da baixura? -Sei que nese sector teño moi bos amigos, aínda que sempre hai quen pon en dúbida o teu traballo. Aprendín moito da baixura, eu diría que fixen un máster nela, porque serviume de escola. Non cambio estes anos na confraría por nada do mundo. Hai máis de 600 socios e é normal que haxa desacordos. Mirando os pros e os contras, teño unha sensación positiva. -Na xestión da lonxa participaban PescaGalicia e O Barco. Coa fusión destas dúas organizacións, ¿que pasará agora? -A xestión quedará igual, pero haberá unha asociación con maior representatividade. Entre as dúas teñen máis do 32% do capital da sociedade da lonxa. Agora é a maior accionista. Este pode ser o primeiro paso para que outras asociacións do sector extractivo conflúan tamén. -¿Pero cambiará a forma de tomar as decisións? -O bo que ten a xestión da lonxa é que todas as decisións se toman por consenso. -¿Cal é a tarefa que lle queda a medio facer? -O que máis me preocupa é que o colectivo de mariscadores da ría do Burgo teña una lonxa digna onde facer o seu traballo. Xa están comprometidos o proxecto e os cartos, pero falta a concesión do espazo para a súa construcción. Queda pendente outro asunto importante, como é o furtivismo. Espero que a nova conselleira de Pesca, Carmen Gallego, poida darlle pulo. -¿Que retos se plantexa na comisión do arrastre? -O máis urxente é buscar unha solución para o prezo do combustible. Dende xuño do ano pasado incrementouse nun 80%. O sector necesita un respiro para poder dar ás explotacións pesqueiras un mínimo de rendabilidade.