«Arteixo aínda é feo, pero estamos intentando cambialo»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo A CORUÑA

A CORUÑA

Entrevista | Manuel Pose Miñones Pode presumir de ser un dos poucos rexidores da comarca que foi capaz de acadar a maioría sen ter que pactar. A súa meta está en crear un municipio onde reine a calidade de vida dos veciños

12 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?n pi, pi avisa a Manuel Pose Miñones de que leva tres reunións de retraso. A axenda electrónica está que bota fume, «pero os días que teño cita non me vou para casa ata atender a todo o mundo», explica. O rexidor arteixán afronta o seu terceiro mandato con gran optimismo, considérase un home sinceiro e non é amigo de botarse flores: «Arteixo aínda é feo, pero estamos intentado cambialo. Non podemos desfacer o que fixeron antes, pero, paso a paso, estamos creando un municipio para vivir». -O máis importante será conseguir que tódalas parroquias dispoñan de centros sociais. Ademais, o gran reto destes catro anos é construír a terceira fase do paseo fluvial -nestes momentos se está rematando a segunda-, e seguir facendo áreas verdes en tódolos núcleos principais. -A súa aposta polo desenrolo de zonas naturais non se contrapón co empuxe dos polígonos industriais. -Son dúas cousas compatibles, porque á xente hai que darlle sitios de ocio, pero tamén hai que crear postos de traballo para que poidan levar un soldo a casa. Os polígonos industriais, se están ben deseñados e distribuídos, son xeneradores de vida, de traballo e de riqueza. Por outro lado, en Arteixo podemos presumir de que somos o único municipio que ten dous campos de golf, tres de hípica e un área verde como a de Seixedo, que é única en toda a área metropolitana. -¿E como se presenta a temporada de praias despois de que o fuel do «Prestige» inundara Barrañán? -As praias están funcionando ben, porque hai moita xente e están ben coidadas. Seguimos coas tarefas de limpeza, que foron moi difíciles para poder conservar as dunas, e, a partir de setembro, volveremos meter as máquinas para limpalas de todo. O obxectivo é recuperar a bandeira azul e devolver ó seu estado os arenais. -¿Que pensa de que a maioría dos gobernos da área tiveran que pactar para conseguir a maioría? -Eu, a primeira vez, gobernei en coalición e non tiven ningún problema. Non me importaría gobernar coaligado. Ademais, somos o único concello que nas súas comisións de goberno participan membros da oposición. Eles nunca o admitirán, porque é o seu traballo, pero a relación coa oposición é de guante branco. -Moitos critican que é o alcalde da comarca que máis cobra. -(Coa nómina na man). Aquí podes ver cal é o meu salario mensual -388.769 pesetas (2.336 euros)-. Eu non cobro nin dietas, nin desprazamentos, e os 60.000 euros que aparecen é o soldo bruto anual. Considero que non son o mellor pagado, porque hai outros que cobran máis. Por riba, nin teño tempo para gastalo. -¿Que lle gustaría que recordaran os veciños do seu paso pola alcaldía? -Que me recorden como un alcalde que intentou cambiar un municipio do que todo mundo falaba mal, e convertilo nun lugar onde a xente queira vir e quedarse. Agora en Arteixo hai emprego, é o concello que mellor comunicado está con Madrid por estrada, ten boas praias, montes, costas e aposta forte polas novas tecnoloxías. Neste sentido, temos uns centros educativos pioneiros na aplicación das novas tecnoloxías ó ensino. Para isto tivemos o apoio da Fundación Amancio Ortega, pero o Concello tamén tivo que facer un forte investimento para realizar tódalas conexións. E mira ti se somos importantes que este ano, en setembro, a inauguración do curso académico a nivel estatal se fará en Sabón.